O CCVV prorroga 6 meses máis a súa vixencia mentres se negocia unha proposta de consenso para os novos Estatutos

  • A delegada da Xunta e presidenta do CCVV, Lucía Molares, considerou prioritario conseguir o consenso entre as administracións consorciadas para poder renovar a vida do organismo durante 6 anos máis coma establece a proposta presentada polo Goberno galego e continuar así coa labor de recuperación xa iniciada 
  • O Comité Executivo do organismo deu o visto bo a un novo proxecto en Ferraría 33-35; adxudicou á rehabilitación do Canellón do Estreito e da urbanización verde interior do cuarteirón Castelo de San Sebastián, o  que supón un investimento total dun millón de euros para contar con 6 novas vivendas e 1 local comercial 
  • O organismo tamén acordou a adquisición dun edificio en ruínas, co que xa son 10 os novos inmobles comprados para a súa recuperación nos últimos dous anos

Vigo, 01 de decembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, informou hoxe que o Consello de Administración do organismo –no que están representados membros das dúas entidades consorciadas así coma representantes dos tres grupos municipais do Concello de Vigo- debateu o proxecto de Estatutos que a Xunta de Galicia propuxo para continuar coa vida do organismo dado que o actual convenio remata a súa vixencia o 31 de decembro.

Neste senso, a presidenta explicou que o CCVV decidiu prorrogar a vixencia do actual convenio durante 6 meses máis mentres se están a negociar os novos Estatutos coa finalidade de “darnos uns meses para seguir negociando e chegar a unha proposta de consenso”, dixo Molares xa que, coma recalcou, o “importante é traballar pola recuperación integral do noso casco histórico”. 

Molares considerou que a prórroga supón unha “boa nova” pola “vontade de negociación” existente “para chegar a acordos” e contar así cunha proposta de novos Estatutos acorde á realidade actual. Hai que lembrar que o organismo naceu co 50% de participación de Zona Franca; o 40% da Xunta e o 10% restante do Concello. No ano 2007 a Xunta adquiriu a participación de Zona Franca, polo que na actualidade o 90% está en mans da Comunidade Autónoma.

Neste senso, considerou prioritario lograr dito consenso entre as administracións consorciadas para poder renovar a vida do organismo durante 6 anos máis coma establece a proposta presentada pola Xunta de Galicia co fin de seguir co “máximo ritmo e actividade” que nestes momentos ten o Consorcio. ”Queremos chegar a un acordo que dea viabilidade ao CCVV para os vindeiros 6 anos e seguir traballando na recuperación do casco histórico”, dixo Molares, quen explicou que o proxecto de modificación de Estatutos presentado pola Xunta ten coma base unha continuidade por 6 anos máis e unha adaptación á Lofaxga (Lei de Organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia), nova normativa autonómica que regula tanto a Administración Pública da CCAA coma os organismos autónomos que dependen dela.

Esta cuestión ten a súa tradución en cambios nos órganos de goberno e na toma de decisións así coma no que respecta ao control económico-financeiro do CCVV. Seguindo estas premisas, a presidencia do organismo recae na Consellería que ten o capital –neste caso a de Medio Ambiente- e xurdiría a figura dun vicepresidente; as decisións se tomarían de tres maneiras: por unanimidade, por maioría absoluta e por maioría simple e, por último, o control económico e orzamentario seguiría tamén as normas da Lofaxga xa que ao tratarse dun organismo con capital maioritario autonómico computa para a débeda da CCAA. Molares sinalou que existen diverxencias co Concello en dous aspectos: a presidencia e a toma de decisións. Ademais, explicou que se realizará unha reunión técnica para analizar as cuestións xurídicas de control económico que dende o Concello se plantexan.  

Un millón de euros en novas obras Lucía Molares informou que o Comité Executivo celebrado tamén hoxe sacou adiante o proxecto de rehabilitación da promoción Ferraría 33-35 no que o organismo investirá máis de 600.000 euros ademais de aprobar a adxudicación das obras de rehabilitación do Canellón do Estreito, 12 e da urbanización verde interior do cuarteirón Castelo-San Sebastián. En total, Molares resaltou que estas actuacións supoñen un investimento total en obra dun millón de euros para sacar adiante 6 novas vivendas e 1 local comercial.

Concretamente, da intervención prevista en Ferraría 33-35 poranse no mercado catro vivendas de protección autonómica (VPA) –dúas dun dormitorio e dúas de tres dormitorios- e un local comercial. En canto ás obras do inmoble do Canellón do Estreito, 12, adxudicáronse á empresa Dicsa, e se investirán preto de 200.000 euros para conseguir outras dúas vivendas de protección autonómica. No que respecta á urbanización verde interior do cuarteirón Castelo-San Sebastián foi adxudicada á empresa Aldasa por un importe de 198.000 euros. Dita urbanización interior suporá a construción dunha zona verde común cunha superficie de 334 metros cadrados onde se plantarán 17 árbores e da que poderán gozar as futuras familias das vivendas que residirán no cuarteirón Castelo de San Sebastián. A actuación nesta couzada é sobre 9 inmobles totalmente en ruínas dos que resultarán 19 vivendas e catro locais comerciais. 

O CCVV xa está a actuar en 20 inmobles no entorno do Castelo de San Sebastián que posibilitará, en total, a creación de 34 novas vivendas e 9 locais comerciais. Estas actuacións de recuperación de inmobles supoñen un investimento superior aos 3 millóns de euros e a previsión é que os traballos de rehabilitación estean rematados ao longo do vindeiro ano 2012.

Por último, Molares informou que o Comité Executivo do organismo celebrado hoxe tamén deu luz verde a adquisición doutro edificio totalmente abandonado. Con esta operación xa son dez os inmobles adquiridos nos últimos dous anos na parte alta do Casco Vello, a máis degradada do barrio histórico e na que se está a dar un verdadeiro pulo para cambiar a súa imaxe coa incorporación, tamén, de novas familias, novos establecementos comerciais e servizos administrativos co futuro traslado do Rexistro Civil ao barrio antigo. 

Facebook