O CCVV lembra que xa está aberto o prazo para poder participar no sorteo doutras 18 vivendas de protección autonómica

  • A presidenta do Consorcio Casco Vello, María José Bravo Bosch, animou hoxe aos vigueses e viguesas a que non deixen pasar esta oportunidade logo de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) publicara xa a resolución pola que comeza o procedemento para a selección dos beneficiarios doutros 18 pisos rehabilitados polo organismo. 
  • Poderán solicitalas os inscritos previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta, no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, nas casiña de compra. Tamén é requisito fundamental a solicitude concreta para participar no sorteo mediante escrito dirixido ao rexistro e cuxo modelo xa se pode atopar nas páxinas web do IGVS e do CCVV ou na Delegación Territorial deste organismo.
  • As persoas interesadas en optar a unha destas novas vivendas teñen de prazo ata o 15 de maio para formalizar a súa solicitude en dito sorteo.

Vigo, 1 de maio de 2012.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, lembrou hoxe que o IGVS, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ten aberto o procedemento para poder participar no sorteo doutras 18 vivendas de protección autonómica (VPA) rehabilitadas polo organismo.

Bravo Bosch animou así aos vigueses e viguesas a que formen parte da revitalización do Casco Vello ademais de recordar que o IGVS publicou o pasado xoves a resolución pola que se inicia o procedemento de adxudicación destes 18 pisos de protección autonómica. As persoas interesadas en facerse con algunha destas novas vivendas teñen de prazo ata o vindeiro 15 de maio para formalizar a súa inscrición en dito sorteo.

As 18 VPA se atopan nas rúas San Sebastián, Ferraría e Hortas, todas elas na parte alta do barrio antigo. Teñen entre 1 e 3 dormitorios e uns prezos que oscilan entre os 77.139,08 euros e os 193.158,11 euros. É a primeira vez que o CCVV -participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello- pon no mercado vivendas de 3 habitacións. 

Os interesados en adquirir algunha destas vivendas deben estar inscritos previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, no apartado de compra. A partires de agora, as persoas interesadas teñen que presentar a solicitude concreta para poder participar no sorteo dalgunha destas tres promocións -ou mesmo nas tres- mediante escrito dirixido ao rexistro e cuxo modelo xa poden atopar na páxina web do IGVS, na do CCVV ou na Delegación Territorial da Xunta.

As 18 vivendas correspondentes a esta nova fase de adxudicación que pon en marcha o CCVV están nestes momentos en plena execución das súas obras e estímase que estean rematadas coma moi tarde, durante o período estival. Son as seguintes:

-Ferraría 11-13-15-San Sebastián 1- 3-5-7:

9 vivendas: 4 dun dormitorio, 3 de 2 dormitorios e 2 de 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,60 m2 e 108,90 m2 e os prezos oscilan entre os 100.392,55 euros e os 193.158,11 euros.

-Hortas 10-12:

5 vivendas: 3 de 2 dormitorios e 2 dun dormitorio. As superficies van dende os 66,67 m2 e 107,89 m2 e os prezos oscilan entre os 118.253,91 euros e os 191.366,65 euros.

-San Sebastián  8-12-14:

4 vivendas: 2 dun dormitorio+rocho e 2 de 2 dormitorios+rocho. As superficies van dende os 43,49 m2 e os 75,52 m2 e os prezos oscilan entre os  77.139,08 euros e os 133.951,33 euros.

Facilidade financeira Ademais, e coma xa adiantou a presidenta do CCVV, durante o último Consello de Administración do organismo Bravo Bosch expuxo aos seus membros a conveniencia de intentar materializar un convenio de colaboración con algunha entidade financeira para facilitar o acceso dos mozos e mozas á compravenda dos inmobles rehabilitados polo organismo. 

Local para os veciños do Casco Vello De igual modo, e nese mesmo Consello de Administración, a presidenta do CCVV tamén expuxo aos seus membros a posibilidade de ceder un local –dos vindeiros que saian rehabilitados- á Asociación de Veciños do Casco Vello logo da petición feita pola propia directiva nunha recente reunión que mantivo con eles. O colectivo necesita un inmoble duns 300 metros cadrados.

Precisamente, e nese mesmo encontro, os responsables do colectivo veciñal trasladáronlle a súa satisfacción coa boa actuación que se está a levar a cabo na parte alta da zona antiga para conquerir a súa total recuperación ademais de solicitar futuras actuacións na zona do Berbés ante a falta de actuación por parte do Concello. Deste modo, Bravo Bosch trasladou a petición feita aos membros do Consello de Administración do CCVV de tal forma que, unha vez estea rehabilitada a parte alta, se estudará a posibilidade de actuar na fachada do Berbés.

Facebook