O CCVV inicia un novo proceso de venda de 24 novas vivendas na parte alta do barrio histórico

A presidenta do CCVV, María José Bravo Bosch, e o director xeral do IGVS, Antonio Boné

  • A presidenta do Consorcio Casco Vello, María José Bravo Bosch, presidiu hoxe un Consello de Administración que serviu para aprobar o comezo das actuacións correspondentes para a selección dos beneficiarios de novas vivendas de protección autonómica (VPA) rehabilitadas polo organismo e que adxudicará o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) nos vindeiros meses. 
  • Trátase dunha terceira (18 VPA) e unha cuarta fase (6 VPA) de vivendas deste tipo que impulsa o CCVV despois da anterior tanda de 34 vivendas que xa foron adxudicadas polo IGVS ao longo do ano pasado, e nas que xa están a residir 25 novas familias. 
  • A terceira fase corresponde ás 3 promocións seguintes: Ferraría 11-13-17-19-San Sebastián 3-5-7 (9 pisos), San Sebastián 8-12-14 (4 pisos) e Hortas 10-12 (5 pisos); mentres que a cuarta fase, cunha promoción máis, é Ferraría 25-27-29-31 (6 pisos). 
  • As 18 VPA que serán sorteadas tras o inicio de procedemento por parte do IGVS -logo das vacacións da Semana Santa- contan cunhas superficies que van dende os 43,99 m2 aos108,90 m2 e os prezos oscilan entre os 77.139,08 euros e os 193.158,11 euros. É a primeira vez que o CCVV saca ao mercado inmobles de 3 dormitorios.

Vigo, 02 de abril de 2012.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, anunciou hoxe que o Consello de Administración do organismo aprobou por unanimidade o inicio dun novo proceso de venda doutras 24 vivendas de protección autonómica (VPA) repartidas nun total de 4 promocións ubicadas na parte alta do barrio histórico. Trátase dunha terceira (18 VPA) e cuarta fase (6 VPA) de pisos destas características que sairán ao mercado en venda no réxime concertado.

Bravo Bosch, acompañada polo director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné, explicou que se trata da terceira fase de  vivendas deste tipo que impulsa o organismo, despois das anteriores 34 VPA que xa foron adxudicadas ao longo do ano pasado, e nas que xa están a residir dende hai meses un total de 25 novas familias.

Será despois das vacacións de Semana Santa cando o IGVS publique a resolución pola que dará comezo o procedemento para a adxudicación das 18 vivendas correspondentes á terceira fase. Poderán solicitalas os inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta, no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado no apartado de compra. Asemade, é fundamental a solicitude concreta para participar en dito sorteo mediante escrito dirixido ao rexistro e cuxo modelo poden atopar na páxina web do IGVS ou na Delegación Territorial deste organismo.

Inversión superior aos 2,8 millóns de euros O Consorcio Casco Vello de Vigo -participado nun 90% pola Xunta e no 10% restante polo Concello de Vigo- está a investir máis de 2,8 millóns de euros na rehabilitación completa destas 24 VPA.

As 18 vivendas correspondentes á terceira fase de adxudicación están nestes momentos en plena execución das súas obras e estímase que estean rematadas coma moi tarde, durante o período estival. Son as seguintes:

-Ferraría 11-13-15-San Sebastián 1- 3-5-7:

9 vivendas: 4 dun dormitorio, 3 de 2 dormitorios e 2 de 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,60 m2 e 108,90 m2 e os prezos oscilan entre os 100.392,55 euros e os 193.158,11 euros.

-Hortas 10-12:

5 vivendas: 3 de 2 dormitorios e 2 dun dormitorio. As superficies van dende os 66,67 m2 e 107,89 m2 e os prezos oscilan entre os 118.253,91 euros e os 191.366,65 euros.

-San Sebastián  8-12-14:

4 vivendas: 2 dun dormitorio+rocho e 2 de 2 dormitorios+rocho. As superficies van dende os 43,49 m2 e os 75,52 m2 e os prezos oscilan entre os  77.139,08 euros e os 133.951,33 euros.

Con respecto á cuarta fase doutras 6 vivendas que aínda non serán sorteadas, por atoparse nun estado de execución das obras de rehabilitación menos avanzado, e que tamén serán VPA son:

-Ferraría 25-26-27-31:

6 vivendas: 5 de 2 dormitorios e 1 dúplex con 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,81 m2 e os 116,55 m2 e os prezos oscilan entre os 100.765,03 euros e os 206.727,07 euros.

Facebook