O CCVV inicia as obras no cuarteirón Ferraría-San Sebastián, que por un importe de 1,2 millóns de euros supón a maior adxudicación dende a creación do organismo

  • A intervención rehabilitadora,q ue ten un período de execución de 11 meses, é sobre sete edificios que darán como resultado 9 vivendas e un local comercial.

 

  • Xunto ao resto de actuacións en edificios xa adquiridos polo CCVV na rúa San Sebastián, o organismo pretende recuperar prácticamente e de forma integral a parte alta do barrio antigo vigués.

 

 

Vigo, 14 de febreiro de 2011-. A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta, Lucía Molares, comprobou hoxe o inicio das obras do cuarteirón Ferraría-San Sebastián, que foron adxudicadas á empresa Diconsa por 1,2 millóns de euros e que, coma sinalou Molares en declaracións aos medios de comunicación, supón a “maior adxudicación” que o Consorcio levou a cabo dende a súa creación no ano 2005 e ata a actualidade.

A presidenta, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos; polos arquitectos encargados do proxecto, Javier Vázquez e Perfecto Cendón, así coma por responsables da empresa constructora, destacou a relevancia da adxudicación de dita obra na parte alta do barrio antigo vigués. “Trátase dun investimento moi importante e xunto coas obras que se farán nesta mesma rúa nos edificios xa adquiridos polo Consorcio, recuperaremos prácticamente e de forma integral a parte alta do Casco Vello”, dixo Molares en relación ao ámbito que comprende o entorno do Castelo de San Sebastián.

A actuación rehabilitadora que hoxe foi visitada céntrase nos números 11, 13, 17 e 19 da rúa Ferraría e os números 1, 3, 5 e 7 da rúa San Sebastián –todos propiedade do CCVV- e que conforman o denominado cuarteirón Ferraría-San Sebastián.

A recuperación prevista consiste nunha actuación sobre unha superficie total construída de 1.146 metros cadrados que abarca sete parcelas, todas elas de escasas dimensións mantendo o parcelario orixinal e co que se obterán un total de 9 vivendas e un baixo comercial de aproximadamente 100 metros cadrados.

Os traballos nesta manzana da parte alta do Casco Vello teñen un período de execución de 11 meses e, tras o seu remate, se lograrán 4 vivendas dun dormitorio; 3 de 2 dormitorios e 2 vivendas de 3 dormitorios.

Coma explicou Molares, a intervención que se levará a cabo permitirá a construción “dun edificio único” mantendo “a identidade de cada un dos sete edificios” así coma os elementos patrimoniais actuais. “Queremos combinar a recuperación do patrimonio coa modernidade”, sinalou a delegada territorial.

A responsable do CCVV incidiu na importancia da recuperación na zona alta do Casco Vello e, así, indicou que con esta intervención e xunto as pendentes por desenrolar no entorno do Castelo de San Sebastián recuperaránse dúas rúas tan emblemáticas como Ferraría e San Sebastián “íntegramente”.

Pola súa banda, o arquitecto responsable da obra, Javier Vázquez, destacou o interese posto no proxecto, que ten coma obxectivo recuperar a imaxe e tipoloxía das vivendas do Casco Vello cun sistema constructivo tradicional. “Queremos recuperar a tradición con espazos novos e respetendo o parcelario original”, dixo.

As 9 vivendas que sairán desta actuación do cuarteirón Ferraría-San Sebastián se suman as 52 vivendas que xa ten completamente rehabilitadas o CCVV.

Precisamente, e coma informou Molares a preguntas dos medios de comunicación, o sorteo das primeiras 19 vivendas de proteción autonómica en réxime de prezo concertado celebraráse nas vindeiras semanas, unha vez que mañá remata o período de reclamacións para elaborar a lista definitiva de admitidos.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) recibiu máis de 300 solicitudes de personas interesadas en participar no sorteo das primeiras cinco promocións aínda que, coma explicou a delegada da Xunta, unha vez que se publique o listado definitivo das primeiras 19 vivendas, sairán outras tres promocións ao mercado.

Na actualidade, o CCVV ten rematadas 35 vivendas. As primeiras promocións rehabilitadas que sairán no primeiro sorteo son as seguintes: Abeleira Menéndez, 11; Abeleira Menéndez 13-15; Real, 16; Santiago, 19; e Santiago 11-13-15-17. Tras este, serán sorteadas outras promocións: Abeleira Menéndez 18-20; Abeleira Menéndez 24-26; e Curz Verde, 5, o que traduciráse noutras 16 vivendas no mercado.

A data de hoxe, o Consorcio do Casco Vello de Vigo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- é propietario de 36 inmobles dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados, e que darán lugar a 74 vivendas e 24 locais. A previsión é que ao longo de 2011 estean totalmente rematadas preto dun centenar de vivendas

Facebook