O CCVV inaugura unha exposición que amosa o traballo de rehabilitación feito e que percorrerá distintos locais hostaleiros do barrio histórico da cidade

  • Lucía Molares presentou hoxe “Rehabilitacións de edificios do Casco Vello”, que poderá verse primeiro na planta baixa da Delegación Territorial da Xunta e, a partir do vindeiro mes de xullo, en distintos establecementos da zona antiga
  •  A mostra consta de 35 paneis con fotografías que reflicten a evolución do traballo feito polo CCVV, dende a adquisición dos edificios nas condicións que estaban ata a súa completa restauración co resultado final 
  • A presidenta do CCVV aproveitou a ocasión para anunciar que o vindeiro luns, 30 de maio, o IGVS iniciará un novo procedemento para a adxudicación doutras 15 Vivendas de Protección Autonómica (VPA)

Vigo, 24 de maio.- A delegada da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, inaugurou hoxe a exposición “Rehabilitacións de edificios do Casco Vello” coa que se pretende amosar á cidadanía e aos interesados en adquirir as vivendas rehabilitadas tanto o traballo realizado polo organismo como as características de cada un dos inmobles. Tras a súa estancia na planta baixa do edificio da Xunta, a mostra percorrerá a partir do vindeiro mes de xuño distintos establecementos hostaleiros do barrio histórico.

Molares, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, explicou que se trata de 35 paneis de 150x42cm. que reflicten o complexo labor rehabilitadora e de recuperación que se está a levar a cabo no barrio histórico. Durante estes dous meses, os cidadáns poderán coñecer de primeira man cada vivenda tanto as que xa foron adxudicadas e que recibirán en breve aos seus propietarios como as novas que serán sorteadas nos vindeiros meses polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autonóma de Galicia.

Na entrada do edificio poden verse paneis coas rehabilitacións das promocións xa adxudicadas: Santiago 11-13-15-17; Santiago, 19; Abeleira Menéndez 11; Abeleira Menéndez 13-15; e Real, 16. Estas primeiras 19 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) xa foron adxudicadas mediante sorteo e nas vindeiras datas se levará a cabo a entrega de chaves aos novos propietarios. Xunto a estas cinco promocións, tamén poden contemplarse varios paneis coas rehabilitacións e actuacións futuras do CCVV.

Mentras, na sala anterior ao salón de actos da Delegación Territorial da Xunta están colgados os paneis coas tres novas promocións que sairán ao mercado. Trátase das 15 vivendas resultantes de Abeleira Menéndez 18-20, Abeleira Menéndez 24-26 e Cruz Verde, 5.

Inicio dun novo procedemento do IGVS Precisamente, Molares aproveitou a inauguración desta exposición para anunciar que o vindeiro luns, 30 de maio, o IGVS iniciará o procedemento para a adxudicación destas novas 15 vivendas completamente rehabilitadas polo CCVV. Os interesados en optar a estas vivendas deberán estar inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, no apartado de Vivenda de Protección Autonómica na casilla de réxime concertado. As persoas que non estean ben inscritas e queiran optar a elas, poderán modificar a súa solicitude nestes días. 

Así, o vindeiro luns, o IGVS publicará a resolución do inicio do procedemento destas tres novas promocións de Abeleira Menéndez 18-20, Abeleira Menéndez 24-26 e Cruz Verde, 5. A partires de aí, darase un prazo de 15 días hábiles para que as persoas interesadas en participar no sorteo se inscriban nas promocións concretas.

Despois, nun prazo doutros 15 días hábiles se procederá a publicación da lista provisional de admitidos, e posteriormente concederase un prazo de sete días hábiles para a presentación das reclamacións; unha vez resoltas, no prazo máximo de 10 días, aprobaranse as listas definitivas, que serán debidamente publicadas. Tras isto, realizarase o sorteo entre todos aqueles que figuran na lista definitiva e, unha vez confeccionada a lista, procederase á publicación da relación de adxudicatarios e dos que quedan en reserva.

As 15 novas VPA están situadas nas rúas Abeleira Menéndez 24-26 (5 vivendas), Abeleira Menéndez 18-20 (4 vivendas) e Cruz Verde, 5 (6 vivendas). Seis destas vivendas teñen un dormitorio e nove delas contan con dous dormitorios cunhas superficies que oscilan entre os 40,19 e os 83 m2. Os prezos das vivendas oscilarán entre os 71.000 e os 147.000 euros.

Facebook