O CCVV finaliza o ano coa adquisición de catro novas propiedades

Os catro edificios foron demolidos por mor do seu mal estado.

Vigo, 28 de decembro do 2021.- O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido esta mañá con carácter extraordinario baixo a presidencia de Marta María Fernández-Tapias Núñez, aprobou a adquisición conxunta dos números 8, 10, 12 e 14 da Rúa Alta. Esta operación, que supón un investimento de 275.000 euros, permitirá ao CCVV facerse cunha superficie edificable de 679,56 metros cuadrados resultante da agregación  do que no seu día foron tres edificios de varias alturas e unha vivenda unifamiliar que, debido ao seu mal estado de conservación, tiveron que ser demolidas. A fronte de fachada cara á Rúa Alta destas catro novas propiedades é de 17 metros, cun fondo de solar de 9,5 metros de media.

A decisión adoptada hoxe supón a primeira intervención do Consorcio nesta rúa, situada moi preto da Porta do Sol, o centro neurálxico da cidade. O número de vivendas e locais que no seu día se construirán estará en función das solucións urbanísticas e arquitectónicas que ofrezan os futuros proxectos para o seu desenvolvemento, pero en principio, de acordo co contido do PEPRI Casco Vello vixente, poderíanse construir edificios de ata catro alturas (planta baixa máis tres superiores) para manter a aliñación coas construcións xa consolidadas na zona.

Tres operacións

Esta adquisición conxunta é a terceira operación de compra levada a cabo durante 2021 polo Consorcio Casco Vello de Vigo, organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, xa que con anterioridade aprobáronse a adquisición para a súa recuperación dos edificios situados nas rúas San Sebastían, 8 –por un importe de 80.000 euros- e Berbés, 29 e San Francisco, 2 –por un importe conxunto de ambos os dous edificios lindeiros de 152.000 euros-.

Por outra banda, ao longo do ano que agora está a piques de finalizar adxudicáronse mediante tres sorteos públicos un total de 9 vivendas procedentes das intervencións para recuperar os edificios situados en Berbés, 41 (2), Abeleira Menéndez, 16 (1), San Francisco, 15-(2) e Berbés 29-San Francisco, 2 (4).

 

 

Facebook