O CCVV estará presente na XIII Feira Franquiatlántico, onde achegará ao público a súa oferta de locais comerciais

  • O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) estará presente este sábado e domingo cun espazo expositivo propio na feira dedicada ao sector da franquicia que se celebra no Auditorio Mar de Vigo.
  • Desde o stand do organismo se informará aos novos emprendedores e cidadáns que o desexen da oferta actual de 12 locais dispoñibles nas rúas Real, Abeleira Menéndez, Ferrería e San Sebastián con superficies que oscilan entre 98,80 metros cadrados e 28,06 m2.
  • Os emprendedores que aposten polos baixos rehabilitados polo CCVV beneficiaranse, durante os dos primeiros anos de arrendamento, dunha bonificación do 50% do seu importe. Ademais, os contratos terán unha duración máxima de 5 anos, cunha opción de compravenda transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade empresarial.
  • A franquicia pode ser unha boa opción para que os novos emprendedores presenten os seus proxectos empresariais e os abran nos locais dispoñibles.

Vigo, 22 de febreiro de 2013.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) participará esta fin de semana na celebración da XIII edición da Feira Franquiatlántico, onde ofrecerá información da súa oferta actual de locais comerciais para á chegada de novos emprendedores. O organismo estará presente cun espazo expositivo e repartirá folletos con toda a documentación dispoñible para poder optar a algún deles.

Coa súa presenza durante o sábado e o domingo na feira, preténdese animar aos novos emprendedores de toda a cidade a emprazar o seu establecemento comercial nalgún dos 12 locais comerciais que están rehabilitados no barrio histórico cunhas inmellorables condicións en réxime de aluguer. Ademais, será unha boa oportunidade para abundar na posibilidade que poden ter coa presentación de novos proxectos empresarias a través da franquicia.

Na actualidade, o organismo conta cun total de 12 locais comerciais nos baixos dos inmobles rehabilitados polo CCVV nas rúas Real, Abeleira Menéndez, Ferrería e San Sebastián. As súas superficies oscilan entre 98,80 metros cadrados e 28,06 m2 e os prezos de aluguer, segundo os valores de taxación e en función da superficie de cada un deles, van entre os 500 e os 150 euros ao mes.

Os emprendedores interesados deben presentar proxectos empresariais acordes coa filosofía de rehabilitación do CCVV e sempre co fin de preservar a convivencia cidadá. Ademais beneficiaranse, durante os dos primeiros anos de arrendamento, dunha bonificación do 50% do seu importe. A maiores, os contratos terán unha duración máxima de 5 anos, cunha opción de compravenda transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade empresarial. 

Características dos baixos comerciais dispoñibles

-Real, 25: superficie 72, 17 m2 e prezo 295,89 euros

-Abeleira Menéndez 18-20: superficie 55,18 m2 e prezo 226,23 euros

-Cruz Verde, 5, baixo esda: superficie 46,10 m2 e prezo 226,23 euros

-Cruz Verde, 5, baixo dta; superficie 54,70 m2 + 13, 20 m2 e prezo 224,27 euros

-Ferrería, 11: superficie 98,80 m2 e prezo 514,91 euros

-Ferrería, 25: superficie 59,25 m2 e prezo 265,57 euros

-Ferrería,27: superficie 60,08 m2 e prezo 283,71 euros

-Ferrería,29: superficie 67,67 m2 e prezo 302,24 euros

-Ferrería,31: superficie 33,21 m2 e prezo 159,60 euros

-Ferrería,33: superficie 52,95 m2 e prezo 257,67 euros

-San Sebastián, 8: superficie 28,06 m2 e prezo 163,16 euros

-Abeleira Menéndez, 24: superficie 32,07 m2 e prezo 234,03 euros

Con actividade empresarial Ademais, e dentro do plan de locais comerciais do CCVV, xa están alugados e en pleno funcionamento 5 locais nas rúa Abeleira Menéndez e Santiago. Na primeira rúa xa abriu A Tenda de Avó (unha tenda de produtos de proximidade, de produtos da terra); unha galería de arte e fotografía rexentada por Javier Teniente así coma A horta no prato (un establecemento de alimentos frescos e exóticos). Mentres, na segunda está o estudo de arquitectura Torrado Fernández e Oruga Express (unha tenda de fotografía).

Tamén están adxudicados outros 2 locais máis e pendentes de abrir. Trátase dun centro de artesanía e produtos de cercanía en Abeleira Menéndez, 24 (adxudicado a Espazo Horta Urbana) e unha editorial enfocada á poesía, narrativa e artes plásticas na rúa Santiago 11-13-15-17 (esquerda), que será rexentada por Mundo Detrás do Marco S.L.

Facebook