O CCVV convoca un Consello de Administración para avanzar no proxecto do Rexistro Civil

  • A reunión ten coma obxectivo dar o visto bo a unha modificación dos Estatutos necesaria para poder construír o Rexistro Civil 
  • O órgano de goberno do Consorcio –do que forman parte representantes do IGVS e dos tres grupos municipais do Concello de Vigo- celebrarase este xoves día 13 de outubro

Vigo, 12 de outubro de 2011.-  O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- convocou para este xoves día 13 de outubro un Consello de Administración urxente e extraordinario para continuar co procedemento administrativo e avanzar no proxecto de traslado do Rexistro Civil de Vigo ao casco histórico da cidade.  

A reunión do órgano de goberno tratará un único punto no orde do día, que terá coma obxectivo a modificación do artigo 4.3 dos Estatutos do Consorcio. Este trámite administrativo é necesario para avanzar no proceso que permitirá dotar de novos servizos ao Casco Vello, neste caso dunha dotación xudicial coma é o Rexistro Civil.

O punto que se levará a esta reunión extraordinaria pretende cambiar a redacción do artigo 4.3 dos Estatutos, quedando da seguinte maneira: “O Consorcio Casco Vello de Vigo como ente local de dereito público dotado de patrimonio ten plena capacidade de obrar polo que poderá dispoñer e allear o seu patrimonio con suxeición á lexislación que lle sexa aplicable. En todo caso poderá allealos bens, co acordo do Consello de Administración, directamente a unha Administración pública”.

O encontro celebrarase esta mesma semana tras contar o CCVV cos informes xurídicos correspondentes de Xunta e Concello que no último do Consello de Administración celebrado o pasado 29 de setembro ambas administracións consorciadas acordaran aportar.

Con todo, a aprobación deste trámite é necesaria para continuar co procedemento que permitirá trasladar o Rexistro Civil ao Casco Vello de Vigo. Ata o de agora, todos os acordos levados ao Consello de Administración do CCVV aprobáronse por unanimidade, seguindo a máxima de lealdade e cooperación institucional dos seus membros pola que sempre avogou e sempre defendeu o organismo local dende os seus inicios no ano 2005.

Facebook