O CCVV comeza as obras de rehabilitación en Hortas 10-12, onde se invisten preto de 630.000 euros

 

  • Esta actuación está integrada nos traballos de recuperación do cuarteirón Castelo de San Sebastián, iniciadas xa a finais do mes de xullo coa intervención nos inmobles ubicados en San Sebastián 8-12-14 por un importe de 400.000 euros.
  •  A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta, Lucía Molares, resaltou o feito de que nas últimas dúas semanas “iniciamos novas obras de rehabilitación na parte alta do casco histórico por un valor superior ao millón de euros”.
  •  Os traballos en Hortas 10-12 teñen un prazo de execución de 12 meses, co que se estima que a rehabilitación estea rematada para o vindeiro verán.
  •  A intervención porá no mercado outras 5 Vivendas de Protección Autonómica (VPA), das que 3 terán dous dormitorios e 2 unha habitación. Os pisos contarán con superficies entre 67 e 108 m2 e costarán entre 123.000 euros o mais barato e 192.000 euros o mais caro.
  •  Nestes momentos, o organismo ten en marcha a reforma de dous cuarteiróns na parte alta do Casco Vello, a máis degradada do barrio histórico e que permitirán cambiar por completo a imaxe do entorno do Castelo de San Sebastián.

Vigo, 12 de agosto de 2011.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) -participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo- iniciou esta mesma semana as obras de rehabilitación dos inmobles ubicados en Hortas 10-12. Cun investimento total de 627.019,53 euros, os traballos pertencen á intervención que xa se está a acometer no cuarteirón Castelo de San Sebastián, iniciada a finais do mes de xullo cunha primeira actuación nos inmobles ubicados na rúa San Sebastián 8-12-14 por un importe de 400.000 euros.

Tras a firma da acta de reformulo feita esta mesma semana, a empresa adxudicataria -UTE Antalsis S.L.-C. Aldasa S.L.U.- conta cun prazo de execución de 12 meses, co que se estima que os traballos estean rematados o vindeiro verán. A intervención na rúa Hortas 10-12 porá no mercado outras 5 vivendas, das que 3 serán de dous dormitorios e 2 dunha habitación. As superficies dos pisos terán entre 67 e 108 metros cadrados e os prezos oscilarán entre os 123.000 euros o mais barato ata os 192.000 euros do mais caro. Todos contarán con rocho. A actuación en Hortas 10-12 afectará a dúas parcelas que están situadas no cuarteirón Castelo de San Sebastián, co que os futuros propietarios das viviendas poderán disfrutar dun espazo interior axardinado que terá uso privativo.

Máis dun millón de euros Esta intervención en Hortas 10-12 únese así á comezada a finais do mes de xullo en San Sebastián 8-12-14, que suporá a recuperación doutras 4 vivendas e un local comercial. A presidenta do CCVV e delegada territorial da Xunta, Lucía Molares, resaltou o feito de que nas últimas dúas semanas, “iniciamos novas obras por un valor superior ao millón de euros”, dixo. “A recuperación da parte alta do barrio histórico é unha prioridade e estamos a actuar nela”, engadiu.

En definitiva, entre ambas actuacións, o CCVV intervén en 5 inmobles da parte alta do barrio que ofrecerán un total de 9 vivendas e un local comercial. De elas, 5 terán dous dormitorios e 4 serán dunha habitación.

Castelo de San Sebastián é o segundo cuarteirón posto en marcha polo CCVV na parte alta do barrio antigo –o primeiro denominado Ferraría-San Sebastián iniciouse a principios de ano cun investimento de 1,2 millóns de euros-. A rehabilitación integral destas dúas zonas cambiará totalmente a imaxe do entorno da fortaleza, unha zona abandonada dende hai décadas que agora está a vivir un importante pulo de recuperación que, ademais, continuará nas vindeiras semanas con novas obras así coma coa futura ubicación do Rexistro Civil de Vigo.

34 vivendas xa adxudicadas O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) acaba de celebrar o segundo sorteo de 15 VPA, ubicadas nas rúas Abeleira Menéndez 18-20; Abeleira Menéndez 24-26; e Cruz Verde, 5. Súmanse ás 19 primeiras VPA postas no mercado, das cales 14 novas familias xa residen nos seus pisos de Santiago 11-13-15-17; Abeleira Menéndez 13-15; e Real, 16.

O organismo xa ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 están completamente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona, e 52 vivendas xa son habitables.

Facebook