O CCVV cede dúas parcelas da rúa Santiago ao Concello de Vigo

Vigo, 25 de marzo de 2021.-    O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV) aprobou esta mañá, por unanimidade, a cesión  ao Concello de Vigo das leiras situadas nos números 43 e 59 da rúa Santiago, que se integrarán na denominada “área dotacional 13”, que persegue a mellora da contorna  da zona da Panificadora. A cesión cumpre cos obxectivos fundacionais do Consorcio Casco Vello,  que expoñen a realización de intervencións de distinto tipo, non só a rehabilitación, que contribúan á recuperación integral para a cidadanía desta zona da cidade.

Ambas as parcelas, de 80 e 70 metros cadrados respectivamente,  foron adquiridas polo Consorcio en 2006. Con posterioridade á súa adquisición procedeuse á demolición das vivendas que as ocupaban debido ao seu mal estado de conservación.

 Neste mesmo consello de administración deuse conta da liquidación do exercicio económico  2020 deste organismo e rexeitouse, por falta da maioría suficiente para iso, a constitución dun dereito de superficie sobre a leira situada en Berbés 7, onde se expuña a construción da sede en Vigo do Centro Galego de Arte Contemporánea  (CGAC).

Facebook