O CCVV aproba unha nova adquisición na rúa San Sebastián

Vigo, 30 de setembro de 2021.– O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido hoxe en sesión ordinaria baixo a presidencia de Marta Fernández-Tapias Núñez, acordou a adquisición da leira situada no número 20 da rúa San Sebastián, na zona alta do barrio histórico de Vigo

A vivenda existente no solar adquirido atópase en estado de ruína.

A que é a operación de compra número 83 desde a fundación deste organismo en 2005 supón un investimento de 80.000 euros para facerse coa propiedade dun solar de 96 metros cadrados, ocupado no seu día por unha vivenda, hoxe en ruínas, da que na actualidade tan só mantense en pé a fachada -de aproximadamente 4 metros lineais- que se abre cara á rúa San Sebastián. En función dos niveis de protección e actuación recollidos na ficha do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello, esta compra permitirá nun futuro próximo engadir dúas novas residencias unifamiliares, de aproximadamente 90 metros cadrados cada unha, ao parque de vivendas rehabilitadas polo Consorcio.

 

Alzado da nova promoción do CCVV en Real,13.

Real, 13

 

Por outra banda, na mesma reunión quedou aprobado o Proxecto de Rehabilitación para o edificio situado na rúa Real, número 13, adquirido en decembro de 2019 polo Consorcio Casco Vello. O documento, elaborado polo estudo Rodríguez e Rivoira Arquitectos, dará lugar á construción neste histórico edificio da zona baixa do Casco Vello dun local comercial e catro vivendas, unha por planta, cada unha delas de aproximadamente 91 metros cadrados.

O edificio resultante desta próxima intervención adecuarase ao alto nivel de protección ambiental establecido para a zona onde se sitúa, o que supoñerá a conservación da súa característica fachada, con catro ventás en cada unha das plantas, que se adaptan perfectamente ao estilo e tipoloxía do resto dos edificios que o rodean. A volumetría resultante desta intervención –a máis importante acometida nesta rúa desde a construción da nova sede dos Rexistros Mercantís de Vigo– así como os materiais utilizados e as solucións construtivas adoptadas tamén deberán axustarse á normativa que rexe para as construcións na rúa Real, que implica así mesmo a recuperación daqueles elementos sinalados como distintivos nas súas respectivas fichas do PEPRI Casco Vello.

Simultaneamente tamén quedou aprobado o prego de condicións para a contratación das obras desta nova promoción do CCVV, cun orzamento de partida de 575.477,99 euros.

Así mesmo o comité executivo acordou a aprobación dunha segunda prórroga -por un período dun ano e por un orzamento de 11.287,54 euros- do Plan de Erradicación de Termitas que o CCVV vén desenvolvendo en todo o seu ámbito de actuación desde o ano 2017.

 

Facebook