O CCVV aluga os seis primeiros locais rehabilitados a mozos emprendedores para dinamizar o barrio histórico

  • A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, María José Bravo Bosch, formalizou hoxe cos adxudicatarios os contratos de arrendamento, que terán unha duración máxima de 5 anos aínda que os arrendatarios contarán cunha opción de compra transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade.
  • Os seis baixos comerciais atópanse nas promocións de Abeleira Menéndez, 11 (un local), Abeleira Menéndez 13-15 (dous locais), Santiago, 19 (un baixo) e Santiago 11-13-15-17 (dous baixos). As súas superficies van dende os 29,40 metros cadrados e os 77,33 metros cadrados e, durante os dous primeiros anos, os beneficiarios abonarán entre 120, 54 euros e 317,05 euros ao mes.
  • Un comercio de alimentos de produtos de proximidade, unha galería de venta fotográfica, un establecemento de alimentos frescos e exóticos, unha tenda de fotografía, unha consultoría medioambiental e un estudo de arquitectura serán os primeiros establecementos comerciais que se instalarán nos locais rehabilitados polo organismo.

Vigo, 10 de maio de 2012.-  A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, formalizou hoxe cos seus adxudicatarios os contratos dos seis primeiros locais comerciais rehabilitados polo organismo e que se puxeron no mercado en réxime de aluguer para continuar coa recuperación do barrio histórico. Os novos establecementos comerciais que se implantarán nas vindeiras datas estarán xestionados por mozos e mozas emprendedores duns 35 anos de idade.

Bravo Bosch, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, rubricou esta mañá, no local da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), os contratos de aluguer cos seis primeiros adxudicatarios, aos que amosou todo o seu apoio para poder potenciar o seu novo establecemento comercial. Os contratos terán unha duración máxima de 5 anos aínda que os arrendatarios contan cunha opción de compra transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade.

Os seis baixos comerciais xa arrendados atópanse nas promocións de Abeleira Menéndez, 11 (un local), Abeleira Menéndez 13-15 (dous locais), Santiago, 19 (un baixo) e Santiago 11-13-15-17 (dous baixos). As súas superficies van dende os 29,40 metros cadrados e os 77,33 metros cadrados. Ademais, durante os dous primeiros anos de arrendamento e segundo o prego de condicións, os beneficiarios contarán cunha bonificación do 50% do seu importe, polo que abonarán entre 120,54 euros e 317,05 euros ao mes polos seus alugueres. Mentres, no caso de facer efectiva a opción de compra pasado un ano da posta en marcha da actividade, os prezos de compravenda irán dende os 36.300 euros aos 126.500 euros. Esta medida ten coma fin facilitar e dar maiores oportunidades de negocio aos novos emprendedores na actual situación de crise económica e co obxectivo último de participar no fomento do emprego e a recuperación económica.

Os seis novos establecementos comerciais que se implantarán no Casco Vello serán un comercio de alimentos de produtos de proximidade en Abeleira Menéndez, 11 (235,34 euros ao mes); unha galería de venta fotográfica en Abeleira Menéndez 13-15 (186,63 euros); un establecemento de alimentos frescos e exóticos en Abeleira Menéndez 13-15 (120,54 euros); unha tenda de fotografía en Santiago, 19 (141,24 euros); unha consultoría medioambiental en Santiago 11-13-15-17 (317,05 euros); e un estudo de arquitectura tamén en Santiago 11-13-15-17 (140, 79 euros).

Segundo se establece no contrato rubricado entre as partes, a partires de agora, os arrendatarios terán que acondicionar o seu negocio e iniciar a súa actividade nun prazo máximo de 6 meses, co que, coma data máxima, a finais de ano deberán entrar en funcionamento. Os contratos de arrendamento se rubricaron hoxe toda vez que os adxudicatarios puideron solventar os problemas administrativos e os trámites que tiñan que realizar á hora de solicitar as licencias municipais para poder dar inicio ás obras de acondicionamento dos locais.

Ademais, nos vindeiros meses, adxudicaranse os cinco locais comerciais que restan por completar a oferta dos primeiros 11 locais que saíron en concurso público e que non foron adxudicados nun primeiro momento por non cumprir cos requisitos establecidos no prego de condicións. Na actualidade, xa existen ofertas para algúns deles e o proceso de adxudicación segue o seu curso. Están ubicados nas rúas Abeleira Menéndez 18-20 (un local), Abeleira Menéndez 24-26 (un local), Cruz Verde, 5 (dous locais) e Real, 25 (un local). Bravo Bosch aproveitou a ocasión para facer un chamamento aos emprendedores que desexen formar parte da revitalización da zona para que presenten os seus proxectos e se instalen no Casco Vello. Foron un total de 43 as ofertas empresariais presentadas ao concurso público aberto polo organismo -participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello-. 

Aberto o prazo para o sorteo de 18 VPA Tras a adxudicación dun total de 34 VPA nos últimos meses e que fixo realidade a chegada de 30 familias ao barrio histórico, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ten aberto nun novo procedemento para poder participar no sorteo doutros 18 pisos rehabilitadas polo organismo.

As persoas interesadas en facerse con algunha destas novas vivendas teñen de prazo ata o vindeiro 15 de maio para formalizar a súa inscrición en dito sorteo. As 18 VPA se atopan nas rúas San Sebastián, Ferraría e Hortas, todas elas na parte alta do barrio antigo. Teñen entre 1 e 3 dormitorios e uns prezos que oscilan entre os 77.139,08 euros e os 193.158,11 euros. É a primeira vez que o CCVV pon no mercado vivendas de 3 habitacións.

Os interesados en adquirir algunha destas vivendas deben estar inscritos previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, no apartado de compra. A partires de agora, as persoas interesadas teñen que presentar a solicitude concreta para poder participar no sorteo dalgunha destas tres promocións -ou mesmo nas tres- mediante escrito dirixido ao rexistro e cuxo modelo xa poden atopar na páxina web do IGVS, na do CCVV ou na Delegación Territorial da Xunta.

As 18 vivendas correspondentes a esta nova fase de adxudicación que pon en marcha o CCVV están nestes momentos en plena execución das súas obras e estímase que estean rematadas coma moi tarde, durante o período estival. Son as seguintes:

-Ferraría 11-13-15-San Sebastián 1- 3-5-7:

9 vivendas: 4 dun dormitorio, 3 de 2 dormitorios e 2 de 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,60 m2 e 108,90 m2 e os prezos oscilan entre os 100.392,55 euros e os 193.158,11 euros.

-Hortas 10-12:

5 vivendas: 3 de 2 dormitorios e 2 dun dormitorio. As superficies van dende os 66,67 m2 e 107,89 m2 e os prezos oscilan entre os 118.253,91 euros e os 191.366,65 euros.

-San Sebastián  8-12-14:

4 vivendas: 2 dun dormitorio+rocho e 2 de 2 dormitorios+rocho. As superficies van dende os 43,49 m2 e os 75,52 m2 e os prezos oscilan entre os  77.139,08 euros e os 133.951,33 euros.

Facebook