O CCVV adxudica outros 4 locais comerciais en réxime de aluguer nas rúas Ferraría, San Sebastián e Abeleira Menéndez

  • A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, e a directora xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS),Teresa María Gutiérrez, anunciaron hoxe a adxudicación doutros 4 locais comerciais na parte alta do barrio histórico que se suman aos 11 que xa teñen actividade e aos outros 2 que abrirán proximamente.

  • O Consello de Administración celebrado este xoves adxudicou estes 4 baixos para a instalación dunha oficina técnica dun aparellador (Abeleira Menéndez, 24), dunha empresa especializada en reformas (Ferrería, 31), dunha tenda de roupa punk de baixo prezo (Ferrería, 33) e dunha axencia de deseño, publicidade e comunicación (San Sebastián, 8).

  • Na actualidade, seguen dispoñibles outros 2 locais comerciais en Real, 25, e Abeleira Menéndez 18-20 que se porán no mercado mediante un novo concurso público.

Vigo, 27 de febreiro de 2014-. A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, e a directora xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Teresa María Gutiérrez, anunciaron hoxe que o Consello de Administración adxudicou outros 4 locais comerciais en réxime de aluguer na parte alta do barrio histórico cos que se seguirá dinamizando a actividade empresarial nas rúas Ferraría, San Sebastián e Abeleira Menéndez.

Durante un percorrido por algúns dos baixos rehabilitados polo CCVV para novos emprendedores, concretamente, na empresa do coworking Espazo Nido nos números 25, 27 e 29 da rúa Ferraría, Bravo Bosch e Gutiérrez sinalaron que estes 4 locais comerciais recén adxudicados se sumarán aos outros 11 que xa teñen actividade nas rúas Abeleira Menéndez, Cruz Verde e Santiago e aos outros 2 que abrirán proximamente tamén en Cruz Verde, 5, -unha empresa especializada en servizos de seguridade- e Ferrería,11 -un obradoiro de pan-.

Ata a data de hoxe, o organismo -participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo- rehabilitou un total de 21 locais comerciais, 19 deles para emprendedores e outros 2 para instalación de Administracións -a sede da Asociación Provincial de Empresarios da Construcións da Provincia de Pontevedra (APEC) en Real, 16, e a futura construción da Oficina de Notificacións e Embargos, en Abeleira Menéndez, 24-.

En canto aos 4 locais comerciais adxudicados este xoves, trátase do emprazamento dunha oficina técnica dun aparellador (Abeleira Menéndez, 24), dunha empresa especializada en reformas (Ferrería, 31), dunha tenda de roupa punk de baixo prezo (Ferrería, 33) e dunha axencia de deseño, publicidade e comunicación (San Sebastián, 8). Os baixos adxudicados contan con superficies útiles entre os 28,06 m2 e os 55,18 m2 e os prezos do aluguer van dende os 160,02 euros/mes aos 257,67 euros/mes. Trátase da bonificación do 50% no seu importe que aplica o CCVV durante os dous primeiros anos de arrendamento para facilitar a chegada de emprendedores ao barrio. Como no anterior dos locais xa alugados e con actividade, os contratos destas novas adxudicacións terán unha duración máxima de 5 anos, cunha opción de compravenda transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento do proxecto empresarial.

Así mesmo, a día de hoxe, seguen dispoñibles outros 2 locais comerciais en Real, 25, e Abeleira Menéndez 18-20 que se porán no mercado mediante un novo concurso público ao que poderán presentarse os emprendedores que así o desexen.

Por outra parte, o CCVV está rehabilitando outros 2 locais comerciais que sairán da recuperación integral das promocións San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7 -na actualidade en obras- e ten previsto a construción doutros 4 máis, tras a rehabilitación de Ferraría 3-5-7 e San Sebastián 24-26.

4 locais comerciais adxudicados hoxe:

-Abeleira Menéndez, 24: oficina técnica de aparellador.

Superficie útil: 32,07 m2.

Prezo do aluguer os 2 primeiros anos con o desconto do 50%: 234,03€.

-Ferrería, 31: empresa especializada en reformas.

Superficie útil: 33,21 m2.

Prezo del aluguer os 2 primeiros anos con o desconto do 50%: 160,02€.

-Ferrería, 33: tenda de roupa punk a baixo prezo.

Superficie útil: 52,95 m2.

Prezo do aluguer aos 2 primeiros anos con o desconto do 50%: 257,67€.

-San Sebastián, 8: axencia de deseño, publicidade e comunicación.

Superficie útil: 28,06 m2.

Prezo do aluguer os 2 primeiros anos con o desconto do 50%: 163,16€.

Ata o de agora, o CCVV adquiriu 64 inmobles, dos cales 36 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 21 locais comerciais e 81 vivendas -64 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos-. Na actualidade hai 4 inmobles cuxas rehabilitacións están en execución, para dar lugar a 10 vivendas e 2 locais comerciais. 

Facebook