O CCVV adxudica os primeiros locais comerciais rehabilitados a mozos emprendedores para dinamizar o barrio

  • Tras o concurso público ao que se presentaron 43 ofertas, o Consello de Administración celebrado hoxe aprobou sete proxectos empresariais cos que se dará un importante pulo á actividade comercial no barrio antigo. 
  • Estudos de arquitectos, galerías de fotografía, tendas de produtos frescos e exóticos ou unha consultoría medioambiental son algúns dos novos emprendedores que se instalarán no Casco Vello nos vindeiros meses logo de formalizar os seus contratos de aluguer co Consorcio. 
  • No Consello de Administración de hoxe tamén se levou unha proposta de Estatutos para tratar a continuidade do Consorcio tendo en conta á realidade actual do organismo.

Vigo 27 de outubro.-  A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, informou hoxe que o Consello de Administración do organismo adxudicou sete dos once primeiros locais comerciais rehabilitados polo organismo e que saen ao mercado en réxime de aluguer a mozos emprendedores, que coa súa aposta por instalarse no barrio colaborarán na dinamización comercial da zona cunha nova actividade empresarial.

Molares, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, explicou que tras analizar exhaustivamente as 43 ofertas que se presentaron ao concurso público, acordouse adxudicar os sete locais comerciais sitos nas rúas Abeleira Menéndez, 11; Abeleira Menéndez 13-15 (dous locais); Santiago, 19; Santiago 11-13-15-17 (dous locais); e Cruz Verde, 5.

Unha vez se leve a cabo a formalización dos correspondentes contratos de aluguer se instalarán no barrio histórico sete novos negocios de xóvenes emprendedores que apostan desta maneira polo Casco Vello. Así, un comercio de alimentos de produtos de proximidade, en Abeleira Menéndez, 11; unha galería fotográfica, en Abeleira Menéndez 13-15; un comercio de alimentos frescos e exóticos, en Abeleira Menéndez 13-15; un estudo de fotografía, en Santiago, 19; unha consultoría medioambiental en Santiago 11-13-15-17;  un estudo de arquitectura en Santiago 11-13-15-17; e outro estudo de arquitectos máis en Cruz Verde, 5 serán “os primeiros establecementos que axudarán a dinamizar o casco histórico nos inmobles rehabilitados polo Consorcio”, considerou a delegada da Xunta. A partir de agora, os adxudicatarios teñen tres meses prorrogables dende o momento no que rubriquen o contrato co CCVV para o acondicionamento dos seus negocios e inicio da actividade.

Por outra banda, aínda faltan por adxudicar outros catro locais ubicados en Real, 25; Abeleira Menéndez 18-20; Abeleira Menéndez 24-26; e Cruz Verde, 5. Neste caso, a presidenta do CCVV informou que se iniciará unha vía de negociación cos emprendedores que presentaron as súas propostas para darlles a posibilidade de poder optar a eles entregando novamente a documentación necesaria xa que, coma explicou, as propostas presentadas non cumprían cos requisitos esixidos.

Sen embargo, acordouse o inicio das xestións oportunas para adxudicar estes locais dando preferencia así a aquelas persoas que nun principio participaron no procedemento. A maioría das persoas que presentaron as súas ofertas a este concurso público para optar a un dos 11 locais comerciais rehabilitados polo CCVV foron mozos emprendedores duns 35 anos de idade.

O CCVV –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo- pon así no mercado ditos locais comerciais en réxime de aluguer. Os contratos de alugueiro terán unha duración máxima de 5 anos, aínda que os adxudicatarios contarán cunha opción de compra transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade.

Ademais, e atendendo aos fins que persegue o programa de alugueiro de locais, a renda dos mesmos terá unha bonificación do 50% do seu importe durante os dous primeiros anos de arrendamento, co fin de dar maiores oportunidades de negocio aos novos emprendedores na actual situación de crise económica co obxectivo último de participar no fomento do emprego e a recuperación económica.

As súas superficies oscilan entre os 29,40 m2 e os 77,33 m2 e os prezos van dende os 120 euros e os 317 euros mensuais (sen IVE) durante os dous primeiros anos de arrendamento, mentres que, no caso de facer efectiva a opción de compra pasado un ano da posta en marcha da actividade, os prezos de compravenda irán dende os 36.300 aos 126.500 euros.

Outros asuntos Lucía Molares informou tamén da presentación aos membros do Consello de Administración dunha proposta de Estatutos, tal e coma se comprometera na última reunión do órgano de goberno, para a continuidade do Consorcio Casco Vello de Vigo, dado que a vixencia do actual convenio remata no mes de decembro deste ano.

Coma explicou a presidenta do CCVV aos medios de comunicación, trátase dun documento–proposta da Xunta “para continuar a vida do Consorcio”. Molares informou que a proposta establece unha renovación da vida do organismo por seis anos máis, ata 2017, ademais de resaltar a existencia de recursos suficientes para continuar co obxectivo do ente, que non é outro que adquirir inmobles para a súa recuperación e facer fronte así á rehabilitación de vivendas nos vindeiros anos. En todo caso, a delegada da Xunta garantiu ademais financiamento autonómico no caso de ser necesario. “É unha boa nova que haxa vontade de recuperar o casco histórico e esperamos poder aprobar o documento para dar continuidade á importante inversión feita ata o momento”, que como engadiu, no caso da Xunta chega aos 27 millóns de euros.

A proposta recolle así a adaptación á nova realidade do CCVV no que a participación das Administracións consorciadas se refire. Cando se creou no ano 2005 a participación comezou co 50% para Zona Franca, 40% da Xunta e 10% restante para o Concello de Vigo. Na actualidade, o 90% está en mans do Goberno autonómico e o Concello mantén a súa participación. “Temos que adaptalo á distribución dos socios e á realidade da participación”, dixo Molares.

Ademais a presidenta do CCVV sinalou que tamén se ten que ter en conta a necesidade de adaptarse a Lofaxga (Lei de Organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia), nova regulación que establece diferentes condicións normativas dos consorcios en termos económicos, órganos de dirección e adopción de acordos que agora deben ser actualizados. Independentemente do seu carácter local, ao ser a Xunta o organismo maioritario, debe adaptarse a esta nova normativa.

Facebook