O CCVV adxudica a rehabilitación de catro edificios na rúa Ferraría por un valor superior aos 620.000€

  • O Consello de Administración do organismo celebrado hoxe deu o visto bo a oferta presentada por Dicsa, que ten agora un prazo de execución das obras de 11 meses
  • A actuación nesta rúa tan emblemática da parte alta do Casco Vello porá no mercado outras 6 novas Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e 4 locais comerciais. 
  • Dos 6 pisos que sairán tras a rehabilitación, 5 deles terán 2 dormitorios e 1 será un dúplex de 3 dormitorios.

Vigo, 29 de setembro.-  O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) celebrado hoxe adxudicou a rehabilitación de catro edificios sitos na rúa Ferraría –nos números 25, 27, 29 e 31- por valor de 620.370,37 euros (sen IVE) e que suporá a posta no mercado doutras 6 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) rehabilitadas e 4 locais comerciais.

Os membros do Consello decidiron adxudicar á empresa construtora Dicsa –que resultou a oferta máis vantaxosa- a rehabilitación de ditos catro edificios desta rúa tan emblemática da parte alta do Casco Vello. A adxudicataria ten agora un prazo de execución das obras de 11 meses, co que a previsión é que a finais do vindeiro verán tanto as vivendas como os locais comerciais estean xa dispoñibles.

Das 6 novas VPA que resultarán da intervención, 5 delas terán 2 dormitorios e a outra será un dúplex que contará con 3 dormitorios.

Co adxudicación de hoxe, o CCVV -participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- segue adiante coa recuperación integral, sobre todo, da parte alta do barrio antigo, a máis degradada. Nos primeiros meses deste ano 2011, o organismo licitou novas obras por valor de máis de 3,2 millóns de euros, entre as que se atopan as obras de rehabilitación de Ferraría 25, 27, 29 e 31.

A día de hoxe, a recuperación de 12 inmobles que darán lugar a  18 vivendas e 2 locais  comerciais xa están en obras. Trátase das intervencións iniciadas nos últimos meses no cuarteirón de Ferraría-San Sebastián e nos números 8, 12 e 14 da rúa San Sebastián así coma en Hortas 10-12, todas elas ubicadas no entorno do Castelo de San Sebastián.

11 locais comerciais e 34 VPA Por outra parte, o CCVV sacou a concurso os primeiros 11 locais comerciais en réxime de aluguer, ao que se presentaron un total de 43 ofertas e que se estima resolver nas vindeiras datas tras a finalización dos procesos administrativos. Tamén segue o proceso para a chegada de novas familias ao barrio antigo, despois de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) sorteara xa as primeiras 34 VPA recuperadas integramente polo CCVV.

Na actualidade, 15 familias das 19 primeiras vivendas entregadas polo CCVV residen xa nos seus pisos sitos nas rúas  Abeleira Menéndez, 11; Abeleira Menéndez 13-15;  Real, 16; Santiago 11-13-15-17;  e Santiago, 19. Nos vindeiros meses formalizaranse as escrituras cos adxudicatarios das outras 15 VPA que están na rúa Abeleira Menéndez 18-20; Abeleira Menéndez 24-26; e Cruz Verde, 5. Asemade, no que respecta ás 12 Vivendas de Promoción Pública (VPP) en aluguer –sitas nas rúas Ferraría e Subida ao Castelo- o proceso segue o seu curso.

Facebook