O baleirado de Berbés 41 inicia o camiño da súa próxima rehabilitación

O Consorcio Casco Vello de Vigo acaba de concluír a demolición do edificio situado na praza da Ribeira do Berbés  41, para iniciar proximamente a construción neste solar de dúas novas vivendas unifamiliares. De acordo coa catalogación establecida no Pepri Casco Vello no proceso de demolición conserváronse a fachada orixinal do edificio, considerado como un elemento de alto valor arquitectónico e histórico, ao tratarse dunha das vivendas de tipoloxía mariñeira mellor conservadas da fachada marítima da cidade viguesa. 

O edificio foi adquirido en setembro de 2017 e o proxecto de rehabilitación  que poñerá en marcha o Casco Vello permitirá crear dúas novas vivendas de dous dormitorios – tipo dúplex –  e entrada independente desde cada unha das rúas ás que ten fachada o edificio, a citada desde O  Berbés e outra pola rúa San Francisco. A superficie construída total será de 213,82 m2. Co fin de facilitar a iluminación natural das vivendas está prevista a inclusión dun pequeno patio interior.

Tras o baleirado interior da edificación existente prosegue o proceso habitual para a rehabilitación de vivendas nesta zona do Casco Vello; así, tras o pertinente estudo arqueolóxico, está previsto iniciar a construción efectiva destas dúas novas vivendas ao longo deste mesmo ano, segundo recóllese no plan de actuacións do Consorcio para 2018. Esta intervención súmase ás dúas que o organismo rehabilitador, integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, ten xa en marcha en Ferrería 8 e Cruz Verde 8, cada un dos cales permitirá a creación dunha nova vivenda unifamiliar na zona alta do Casco Vello.

 

 

Facebook