Nove empresas optan ás rehabilitacións de San Francisco 15 e Berbés 29

Imaxen do proxecto de rehabilitación de Berbés 29

 

O inicio efectivo da posta en marcha das promocións San Francisco 15 e Berbés 29 deu un novo paso coa apertura das ofertas presentadas polas empresas construtoras interesadas nestes proxectos. A partir deste intre iníciase a fase de estudo da documentación achegada e de valoración das ofertas económicas para, nun breve prazo, seleccionar das entre 9 ofertas recibidas as empresas que se farán cargo da execución de ambos os proxectos.

Berbés 29, para o que se recibiron 6 ofertas, supoñerá un importante fito na recuperación deste popular enclave mariñeiro da cidade de Vigo xa que implica a recuperación para uso residencial de 800 metros cadrados distribuídos en catro novas vivendas de distintas tipoloxías. O novo edificio que resultará desta intervención terá acceso desde a praza do Berbés e desde a rúa Poboadores e contará tamén cun local comercial.

 

San Francisco 15

Estado do edificio na data da sua adquisición (2018)

Por outra banda, San Francisco 15 recibiu tres ofertas para a execución do proxecto de rehabilitación aprobado polo CCVV que se executará sobre un edificio adquirido polo Consorcio Casco Vello en setembro de 2018. Á conclusión das obras crearanse nesta rúa próxima ao Berbés dous novos apartamentos tipo dúplex e recuperado un edificio de tres alturas que debido ao seu mal estado tivo que ser baleirado, mantendo en pé tan só as súas fachadas.

Facebook