Lucía Molares confirma que máis de 200 persoas presentaron a súa solicitude para participar no sorteo das 15 novas vivendas rehabilitadas polo CCVV

  • A presidenta do organismo fixo este anuncio durante a entrega de chaves a outros cinco adxudicatarios das 19 primeiras Vivendas de Protección Autonómica (VPA) postas no mercado.
  • Molares informou de que a principios do mes de xullo se publicará a lista provisional de admitidos e excluídos para o vindeiro sorteo das 15 VPA.
  • A semana que ven, o IGVS levará a cabo o sorteo das 12 VPP que sairán en aluguer ubicadas nas rúas Ferraría-Subida ao Castelo.  
  • Os cinco adxudicatarios dos inmobles, tras formalizar as súas hipotecas e as escrituras das novas propiedades, xa contan coa súa nova vivenda.
  • Entregáronse as chaves correspondentes ao 2ºB e 3º da promoción Real, 16; e o 1ºA, 1ºB e 2ºB da promoción Abeleira Menéndez 13-15.

 Vigo, 23 de xuño.- A delegada da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, confirmou hoxe que máis de 200 persoas presentaron a súa solicitude a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia para poder participar no sorteo das 15 novas Vivendas de Protección Autonómica (VPA) rehabilitadas polo organismo.

Tras rematar o prazo para a presentación de solicitudes o pasado día 16 de xuño, Molares explicou que nestes momentos se está a revisar toda a documentación e que, seguindo os prazos establecidos, será na primeira semana de xullo cando o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) publique a lista provisional de admitidos e excluídos, a partires de aí se concederá un prazo de sete días hábiles para a presentación de reclamacións e, unha vez resoltas, no prazo máximo de 10 días, aprobaranse as listas definitivas, que serán debidamente publicadas. Posteriormente, realizarase o sorteo entre todos aqueles que figuren na lista definitiva. Estas 15 vivendas de protección son as relativas ás tres promocións de Abeleira Menéndez 18-20 (4 vivendas), Abeleira Menéndez 24-26 (5 vivendas) e Cruz verde, 5 (6 vivendas).

A presidenta do CCVV, acompañada polo xerente do organismo, Alfonso Ramos, fixo este anuncio durante a entrega das chaves a outros cinco adxudicatarios das primeiras 19 vivendas xa sorteadas polo IGVS o pasado mes de marzo, logo de que formalizaran as súas hipotecas e as escrituras de compravenda das novas propiedades. Nesta ocasión trátase do 2ºB e 3º da promoción de Real, 16; e do 1ºA, 1ºB e 2ºB da promoción situada na rúa Abeleira Menéndez, 13-15.

Nun acto levado a cabo na sede de APEC –no baixo de Real, 16- a presidenta do CCVV agradeceu aos novos donos das vivendas a súa aposta por elixir o barrio antigo para residir, cuestión que, coma resaltou, “axudará á verdadeira transformación do corazón do Vigo”.

A entrega destes cinco novos pisos forma parte da segunda quenda que o CCVV realiza para outorgar as chaves das vivendas aos seus adxudicatarios, logo da que se levou a cabo hai unhas semanas, co que nestes momentos a metade dos primeiros propietarios das vivendas rehabilitadas polo CCVV xa poden disfrutar das súas novas adquisicións. Mentres, nas vindeiras datas seguirá o proceso ata a entrega total das 19 VPA.

Neste senso, e coma explicou Molares, tamén segue adiante o proceso para a adxudicación das 15 novas vivendas a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e que, coma informou, xa contan con máis de 200 persoas interesadas. Ademais, explicou que a actividade do CCVV no ámbito das vivendas non se detén e, así, anunciou que a vindeira semana –o día 30 de xuño- o IGVS realizará o sorteo das 12 Vivendas de Promoción Pública (VPP) que sairán en aluguer e que están ubicadas nas rúas Ferraría-Subida ao Castelo do barrio histórico.

Características das 5 vivendas entregadas hoxe No caso das vivendas entregadas hoxe, dúas están ubicadas na promoción de Real, 16. Trátase do 2ºB, un piso de 51,76 m2 de superficie, un dormitorio, salón-comedor e cociña que tivo un prezo de 91.807,75€ (sen IVE); e o 3º, unha vivenda de 78,39 m2 con dúas habitacións, salón, cociña e dous baños, e un prezo de 139.041,91€ (sen IVE).

Por outra banda, as outras tres son as relativas á promoción de Abeleira Menéndez 13-15. Trátase do 1ºA, un piso con 52,48 m2 con dormitorio, salón-comedor, cociña e baño que tivo un prezo de 93.084,83€ (sen IVE); o 1ºB, que tamén conta cun dormitorio, salón.comedor, cociña e baño nunha superficie de 46,76 m2 e un custe de 82.939,15€ (sen IVE) e, por último, o 2ºB, que ten unha superficie de 49,64 m2 cun dormitorio, salón-comedor, cociña e un baño e que tivo un prezo de 88.047,46€ (sen IVE).

Con todo, as cinco primeiras promocións xa sorteadas polo IGVS foron as situadas en Abeleira Menéndez, 11 (1 vivenda), Abeleira Menéndez 13-15 (6 vivendas), Santiago, 19 (1 vivenda), Santiago 11-13-15-17 (8 vivendas) e Real, 16 (3 vivendas).

Figura do CCVV O CCVV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables.

Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.

 

Facebook