López-Chávez anuncia a celebración dun acto conmemorativo polo X aniversario do Consorcio

23122015_RdPDelegVigo

  • O delegado territorial da Xunta en Vigo e presidente do Consorcio informou hoxe en rolda de prensa que no mes de xaneiro se levarán a cabo diversas actividades para que “a cidade vexa” a rehabilitación feita nos últimos dez anos
  • López-Chaves fixo balance das actuacións realizadas ata a data ademais de explicar que en xaneiro comezarán novas obras en Ferrería 45-47 que darán lugar a 4 vivendas máis e outro local comercial
  • Na actualidade, son máis de 120 as persoas que xa residen nalgún dos 43 inmobles completamente rehabilitados polo Consorcio Casco Vello de Vigo

Vigo, 23 de decembro de 2015.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou esta mañá en rolda de prensa da celebración dun acto conmemorativo polo X Aniversario do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV).

O tamén presidente do Consorcio, lembrou que a constitución do organismo –na actualidade participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- fíxose efectiva no ano 2005 cando era alcaldesa da cidade, Corina Porro, e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Alberto Núñez Feijóo, e que neste ano 2015 cúmprense dez anos polo que, no mes de xaneiro, levaranse a cabo diversas actividades para conmemorar esta data e para que, coma considerou López-Chaves, “Vigo vexa a rehabilitación de inmobles feita nestes últimos anos”. O delegado explicou que polo período electoral e a coincidencia coas festas de Nadal, a data elixida para celebrar esta conmemoración sexa no vindeiro mes de xaneiro. “Queremos que se vexa que temos un casco histórico rehabilitado”, dixo, valorando sobre todo o traballo feito na zona alta do barrio. “A rúa Ferrería é un bo exemplo do que se conseguiu”, matizou.

Neste senso, o delegado fixo un balance de todas as actuacións realizadas nestes dez anos sendo un “proceso complexo” e informou tamén que no mes de xaneiro comezarán as obras da promoción de Ferrería 45-47, intervención da que sairán 4 vivendas e 1 local comercial. Ademais, explicou que nos primeiros meses de 2016 tamén comezarán os traballos en Ferrería 10-12 que nestes momentos se atopa en proceso de adxudicación ademais de avanzar en outros 4 proxectos máis relativos aos inmobles de Cruz Verde, 8; Ferrería, 8; Subida a Costa, 5 e Subida ao Castelo, 12. Todas estas actuacións nun total de 8 inmobles darán lugar a 13 vivendas e 3 locais comerciais máis.

Con todo, estes datos súmanse aos globais de actividade do CCVV que, coma lembrou López-Chaves, se traducen en 70 inmobles adquiridos dende a súa creación dos que 43 xa están completamente rehabilitados dando lugar a 99 vivendas -82 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos- e 27 locais comerciais. “Son unhas 120 persoas as que xa residen nos inmobles rehabilitados polo Consorcio”, explicou o presidente do CCVV quen animou a todos os cidadáns que desexen vivir na zona histórica que consulten a páxina web do organismo porque na actualidade están dispoñibles 7 pisos para adxudicar de xeito directo. Son: 1 piso en rúa Santiago, 19; 1 en rúa Canellón do Estreito, 12; 1 piso en San Sebastián 6; 3 pisos en Ferrería 3-5-7 e, por último, 1 piso en San Sebastián 24-26

O delegado especificou tamén que foron adquiridos 6 inmobles que nestes momentos están sen proxecto sendo un deles, por exemplo, o de Real, 27 para o que, no último Consello de Administración deuse o visto bo a un dereito de superficie a favor de Down Vigo para ubicarse neste edificio. Ademais, ao longo destes últimos anos, outros 10 inmobles foron transmitidos a outras institucións. En concreto, 1 á Xunta de Galicia para o Servizo de Notificacións e Embargos (San Sebastián, 13); 4 para o Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España (Real, 29-31-33 e Alta, 26), 2 para o Concello de Vigo (Subida á Costa 4: espazo público, e Alta 18: Centro de Fotografía) e, por último, 3 para a Universidade de Vigo (Ribeira do Berbés 11-13-15) para a súa sede institucional e centro de linguas.

Por último, López-Chaves valorou moi positivamente o traballo feito nestes últimos dez anos garantindo que se vai a continuar coa labor do Consorcio xa que o traballo de rehabilitación na zona histórica se rexe polo Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri). “Temos a vantaxe de non vernos afectados pola sentenza do Tribunal Supremo que anula o PXOM de 2008”, finalizou.

Facebook