Hernández salienta que o compromiso da Xunta co Casco Vello terá continuidade nun novo convenio para avanzar na rehabilitación e posta en valor desta zona emblemática da cidade

  •   O convenio en vigor permitiu adquirir 44 edificios dos que 15 xa están totalmente rehabilitados

 

  • Na actualidade están rehabilitadas un total de 52 vivendas e ao longo do presente ano agárdase ter rematadas preto dun centenar
  • As 19 primeiras vivendas rehabilitadas foron sorteadas o 3 de marzo de 2011
  • Este mes de marzo se iniciará o procedemento para un novo sorteo de 16 vivendas rehabilitadas, situadas nas rúas Abeleira Menéndez e Cruz Verde
  • O Consorcio Casco Vello Vigo (CCVV está integrado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que aporta o 90 dos investimentos, e o Concello de Vigo. O obxectivo desta entidade é a adquisición de terreos e inmobles para a súa rehabilitación

 

Vigo, 8 de marzo de 2011.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na súa visita as obras de rehabilitación das vivendas contempladas no Consorcio do Casco Vello de Vigo (CCVV), anunciou hoxe que a Xunta dará continuidade ao convenio, cuxa vixencia remata este ano. Ademais dos ingresos provenientes da venda de inmobles rehabilitados, comprometeuse a dispoñer novos fondos propios da Consellería para dar continuidade ao Consorcio do Casco Vello e ao seu labor no eido da rehabilitación e posta a disposición de vivendas para os veciños desta cidade.

 Reiterou que o actual Goberno da Xunta aposta por seguir impulsando a rehabilitación do casco vello, xa que é unha zona emblemática e histórica da cidade que é preciso poñer en valor para, á súa vez, xerar oportunidades de vida e de actividade económica.

 Agustín Hernández, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo e presidenta da Consocio do Casco Vello de Vigo, Lucía Molares, fixo balance do convenio (a piques de rematar a súa vixencia), que se traduciu nun investimento de 30 millóns de euros, dos cales a Xunta aportou un 90% (27 millóns de euros), e o Concello de Vigo o 10% restante, é dicir 3 millóns de euros.

 Este orzamento permitiron adquirir 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial neste zona, e 52 vivendas xa son habitables (35 para venda a prezo concertado, 11 para aluguer e 6 para realoxos).

 De feito, lembrou que no mes de febreiro deste ano se sortearon as 19 primeiras vivendas de promoción pública rehabilitadas. Estes inmobles están ubicados na rúa Abeleira Menéndez 11-13-15, na rúa Santiago 11-13-15-17-19e na rúa Real,16.

INMOBLES REMATADOS ENTRE 2009-2010
UBICACIÓN VIVENDAS LOCAIS COMERCIAIS
Real, 25 3 (para realoxos) 1
Real, 16 3 1
Abeleira Menéndez, 11 1 1
Abeleira Menéndez, 13-15 6 2
Abeleira Menéndez, 24-26 6 2
Abeleira Menéndez, 18-20 4 1
Santiago, 19 1 1
Santiago, 11-13-15-17 8 3
Crus Verde, 5 6 2
Ferraría-Subida Castelo 14 (3 realoxos)  
TOTAL 52 14

 Inmobles en execución

O conselleiro recordou que na actualidade traballase na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto. Hernández sinalou que antes de que finalice o ano 2011 se porán en marcha preto dun centenar de vivendas. As obras nas vivendas situadas nas rúas Ferraría e San Sebastián comezaron o pasado mes de febreiro.

 

Obras en execución
UBICACIÓN VIVENDAS LOCAIS COMERCIAIS
Rúa Ferraría, 11-13-17-19 9 1
Rúa San Sebastián, 1-3-5-7
San Sebastián, 8-12-14 4 1
Hortas 10-11 5  
Ferraría 25-27-29-31 6 4
TOTAL 24 6

 

O Consello de Administración, do que forman parte representantes do IGVS e do Concello de Vigo, decidiron por unanimidade destinar as vivendas rehabilitadas a: 20% aluguer; outro 20% á venda en réxime xeral e, por último, o restante 60%, á venda en réxime concertado. Ademais, apuntou que todas as vivendas terán algún tipo de protección xa que no caso da venda serán vivendas de protección autonómica (VPA) en dous réximes distintos.

Sorteo de vivendas

Agustín Hernández anunciou que o Consorcio de Casco Vello de Vigo (CCVV) iniciará o procedemento para un novo sorteo en marzo dun total de 16 vivendas situadas nas rúas Abeleira Menéndez 18-20 e 24-26 e na rúa Cruz Verde. Neste caso, as vivendas terán un prezo de compra- venda que oscilará entre os 60.000 e os 147.000 euros.

O primeiro sorteo foi o tres de marzo e foron adxudicadas 19 vivendas protexidas de promoción privada rehabilitadas polo Consorcio do Casco Vello de Vigo. As vivendas estaban situadas na rúa Real, Abeleira Menéndez, e rúa Santiago. Recordou que a rehabilitación deste inmoble foi distinguida cun premio de Aproin á mellor rehabilitación histórica.

Consorcio Casco Vello de Vigo

O Consorcio Casco Vello Vigo (CCVV) está integrado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e o Concello de Vigo e ten como obxectivo levar a cabo unha serie de actuacións de rehabilitación no Casco Vello de Vigo para, así, conseguir un espazo atractivo para para a residencia, adaptar as vivendas ás necesidades actuais e xerar un espazo de calidade dando prioridade á circulación peonil. Ademais, a través destas actuacións tentarase recuperar espazos con historia a través dunha rehabilitación integral a nivel arquitectónico, urbanístico, económico e social.

Facebook