Este martes remata o prazo para o sorteo que fará o IGVS das 18 vivendas de protección autonómica rehabilitadas polo CCVV

  •   O vindeiro 15 de maio é o último día habilitado para pedir a participación no sorteo dunha nova fase de pisos de protección autonómica recuperados polo organismo e ubicados na parte alta do Casco Vello.  
  • Poderán solicitalos todas as persoas inscritas previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta, no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra.
  • É requisito fundamental a solicitude concreta para participar no sorteo dirixido ao rexistro e cuxo modelo xa se pode atopar nas páxinas web do IGVS e do CCVV ou na Delegación Territorial do organismo autonómico.
  • A presidenta do Consorcio Casco Vello, María José Bravo Bosch, animou aos vigueses e viguesas a que non deixen pasar esta oportunidade e formen parte da revitalización e dinamización do barrio histórico. 

Vigo, 12 de maio de 2012.- Este martes, 15 de maio, rematará o prazo habilitado para participar no sorteo que levará a cabo proximamente o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) doutras 18 vivendas de protección autonómica (VPA), rehabilitadas totalmente polo Consorcio Casco Vello de Vigo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo.

Os interesados en adquirir algunha destas vivendas deben estar inscritos previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, no apartado de compra. Ata o martes inclusive, as persoas interesadas teñen que presentar a solicitude concreta para poder participar no sorteo dalgunha destas tres promocións -ou mesmo nas tres- mediante escrito dirixido ao rexistro e cuxo modelo xa poden atopar na páxina web do IGVS, na do CCVV ou na Delegación Territorial da Xunta. 

Os 18 pisos de protección autonómica se atopan nas rúas San Sebastián, Ferraría e Hortas, todas elas na parte alta do barrio antigo. Teñen entre 1 e 3 dormitorios e uns prezos que oscilan entre 77.139,08 euros e 193.158,11 euros. É a primeira vez que o CCVV pon no mercado vivendas de 3 habitacións. 

A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo, María José Bravo Bosch, animou hoxe aos vigueses e viguesas a que formen parte da revitalización do Casco Vello e que formalicen os requisitos para poder optar a algunha das 18 VPA. Ademais, recordou que un total de 30 novas familias residen xa no barrio histórico, logo que o IGVS adxudicará outras 34 VPA en procesos anteriores. 

As 18 vivendas correspondentes a esta nova fase de adxudicación que pon en marcha o CCVV, están nestes momentos en plena execución das súas obras e estímase que estean rematadas coma moi tarde, durante o período estival. Son as seguintes: 

-Ferraría 11-13-15-San Sebastián 1- 3-5-7: 

9 vivendas: 4 dun dormitorio, 3 de 2 dormitorios e 2 de 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,60 m2 e 108,90 m2 e os prezos oscilan entre 100.392,55 euros e 193.158,11 euros. 

-Hortas 10-12: 

5 vivendas: 3 de 2 dormitorios e 2 dun dormitorio. As superficies van dende os 66,67 m2 e 107,89 m2 e os prezos oscilan entre 118.253,91 euros e 191.366,65 euros. 

-San Sebastián  8-12-14:

 4 vivendas: 2 dun dormitorio+rocho e 2 de 2 dormitorios+rocho. As superficies van dende os 43,49 m2 e os 75,52 m2 e os prezos oscilan entre os  77.139,08 euros e os 133.951,33 euros.

Facebook