Entregados os premios Galicia de Arquitectura e rehabilitación

 

Os novos rexistros da propiedade no Casco Vello foron elixidos a mellor obra de rehabilitación

 

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñéz Feijóo, entregou onte nun acto celebrado en Santiago de Compostela os galardóns da primeira edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia, nos que resultaron recoñecidos dous proxectos vinculados ao Casco Vello de Vigo (CCVV).

A rehabilitación de catro vivendas na rúa Real e a rúa Alta de Vigo para convertelas na nova sede dos Rexistros da Propiedade de Vigo, obra dos arquitectos Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso, obtivo o Premio á Mellor Rehabilitación realizada en Galicia, en tanto que unha das tres menciones na mesma categoría concedeuse aos proxectos de recuperación de vivendas no centro histórico de Vigo deseñadas por Perfecto Cendón e Francisco Javier Vázquez.

Un aspecto da sede dos Rexistros da Propiedade en Vigo. Foto: Héctor Sánchez Díaz

 

O premio na categoría de Arquitectura recaeu nos profesionais Juan Creus e Covadonga Carrasco autores de “A Casa Chao”, en Corcubión, da que se sinalou que “enriquece o núcleo tradicional no que se insere cunha perspectiva marcadamente contemporánea da que, con todo, emana o máximo respecto ao seu contorno”. Juan Zaballa Malcorra e Daniel Guisande Lago, pola súa banda, obtiveron o premio especial á sustentabilidade, polo seu acerto no deseño e execución do novo cámping da Illa de Ons.

Na súa alocución o presidente da Xunta de Galicia destacou a I edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia como “unha mostra do talento que hai na Comunidade e que responde co seu traballo ás demandas de construción responsable” . Así, subliñou que o Premio Galego de Arquitectura pon o foco sobre un gran exemplo desa nova preocupación polas formas que latexa en Galicia.

Lei de Centros Históricos

Rehabilitación Ferrería-San Sebastián dos galardoados P.Cendón e F.J. Vázquez.

Durante a súa intervención, Feijóo valorou tamén que estes premios teñan espazo para recoñecer aos que moito antes conseguiron converter o oficio da arquitectura en Galicia nunha prestixiosa forma de crear arte e cultura ao servizo do país. Neste sentido, no transcurso deste acto recoñeceuse de forma expresa o labor desenvolvido polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat, a quen se outorgou o premio especial á traxectoria profesional.                     

O acto serviu así mesmo para o anuncio por parte do presidente da Xunta de Galicia da elaboración da primeira Lei de centros históricos de Galicia, co obxectivo de establecer mecanismos que faciliten a recuperación e a dinamización dos núcleos antigos das cidades e vilas de forma compatible cos seus valores culturais. Finalmente Núñéz Feijóo agradeceu o labor realizado por todos os recoñecidos nestes premios que nacen con vocación de continuidade con periocidad bianual.

Facebook