Continúa aberto o prazo de licitación para executar a promoción “Subida ao Castelo 12”

Subida a Castelo 12. Fachada

Ata o próximo día 25 de xuño permanecerá aberto o prazo de licitación para as empresas interesadas na execución das obras da promoción “Subida ao Castelo 12”, do Consorcio CascoVello de Vigo.

Esta nova actuación no Casco Vello alto vigués, cun orzamento base de licitación de 406.005,18 €, prolongará o intenso labor rehabilitador levado a cabo polo Consorcio, que permitiu recuperar en toda a súa zona de intervención máis dun centenar de construcións entre vivendas e locais comerciais.

A documentación para participar nesta licitación pode obterse nas oficinas do Consorcio CascoVello (Praza da Princesa 7, 1º – Tfno.986 442 638  ), ou a través da ligazón  http://consorciocascovellovigo.org/licitacions-abertas/ .

 

Subida a Castelo 12. Planta alta.

Distribución en planta alta.

A posta en marcha desta promoción na rúa Subida ao Castelo permitirá a rexeneración dun edificio que se atopaba en estado practicamente ruinoso para crear catro novas vivendas, todas elas  con acceso directo desde a rúa.  Dous, con acceso desde os extremos da fachada,  terán a consideración de dúplex, ocupando planta baixa e semisótano.  As outras dúas sitúanse na planta alta, onde se accede desde un vestíbulo con acceso desde a fachada principal.

O proxecto básico, redactado polos arquitectos César Jiménez López, Antonio  Davila Alonso,  Luís Meijide Rico e Jesús Cordeiro Rodríguez, contempla a protección da fachada e as carpinterías de madeira;  entre as actuacións para levar a cabo recóllense a eliminación de elementos construtivos engadidos ,  como teas asfálticas ou carpinterías de aluminio; supresión de tendales en fachadas ou a recuperación das dimensións orixinais dos  ocos  na parte posterior do edificio.

A agregación de terreo procedente de edificacións lindeiras permitiu ampliar a superficie da finca desde os 117 m2 orixinais ata os 161 sobre os que finalmente se actuará.

 

Facebook