Comeza o proceso de selección de adxudicatarios para as promocións Real 25 e Cruz Verde 12

  • Tres novas familias poderán integrarse no Casco Vello vigués

  • Ábrese un período de 15 días hábiles para presentar a solicitude de inscrición 

Foto: Alex Fernández

Interior dunha das vivendas da promoción Cruz Verde 12. Foto: Alex Fernández Photography.

 

Vigo, 18-09-2020.– O Instituto Galego de Vivenda e Solo de Galicia acaba de facer públicas senllas resolucións polas que se pon en marcha o proceso de selección de adxudicatarios para tres vivendas que forman parte das promocións do Consorcio Casco Vello de Vigo Real 25 (expediente PO- VC-0001/20) e Cruz Verde 12 (expediente PO- VC-0003/18).

De acordo co contido destas resolucións a partir do momento da última publicación das mesmas abrirase un prazo de quince días hábiles para que todos aqueles interesados -que se atopen inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia– presenten a solicitude de inclusión e a documentación necesaria para participar nos procesos de adxudicación destas construcións.

Aspecto de Real 25, 2º Andar.  Foto: Alex Fernández Photography.

Todas elas ofértanse na categoría de Vivenda Protexida de promoción privada de Réxime Concertado e atópanse situadas dentro do ámbito de actuación do CCVV. Este organismo, integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, vén desenvolvendo desde a súa creación en 2005 un intenso programa de recuperación da zona histórica da cidade olívica, baseado na adquisición de vivendas e locais para a súa rehabilitación integral. Froito deste labor continuado recuperáronse máis dun centenar de vivendas que contribuíron á recuperación cidadá do casco Vello de Vigo.

 Características

A primeira das vivendas cuxo proceso de adxudicación anúnciase agora está situada no número 25 da rúa Real. Trátase do segundo piso desta vivenda rehabilitada en 2009 polo CCVV; ten unha superficie de 83 metros cadrados e o prezo establecido para a mesma é de 147.360,66 €.

As outras dúas vivendas forman parte da promoción Cruz Verde 12, situada na zona Alta do Casco Vello vigués, moi próxima á Porta do Sol ou o Concello de Vigo. Ambas contan con dous dormitorios, un baño, cociña-salón-comedor e lavadoiro- tendal. A superficie da denominada Vivenda A é de 65,90 metros cadrados e o prezo fixado para a súa adxudicación 111.000,00 €; a Vivenda B, pola súa banda, ten 73,45 metros cadrados e o seu prezo é de 126.000 €.

 

Facebook