Bravo Bosch visita os primeiros locais comerciais rehabilitados polo CCVV que xa iniciaron a súa actividade e anima aos emprendedores a seguir instalándose no barrio

  • A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo estivo hoxe cos adxudicatarios dos dous baixos comerciais que abriron recentemente as súas portas na rúa Abeleira Menéndez e que forman parte dos primeiros locais entregados polo organismo para dinamizar a zona antiga.
  • Trátase dunha tenda de produtos de proximidade que rexenta Montserrat Freire no número 11 de Abeleira Menéndez e dunha galería de venta fotográfica que dirixe o profesional Javier Teniente no número 13-15 da mesma rúa. Estos dous novos comerciantes do Casco Vello explicaron á presidenta a súa satisfacción nos primeiros días de actividade.
  • Bravo Bosch aproveitou a visita para agradecerlles a súa aposta polo barrio histórico e tamén para animar aos emprendedores da nosa cidade a seguir instalándose no mesmo, xa que aínda hai baixos libres e os interesados poden presentar as súas ofertas. Os locais baleiros están en Abeleira Menéndez 18-20 (un baixo), Abeleira Menéndez 24-26 (un local), Cruz Verde, 5 (dous locais) e Real, 25 (un local).
  • Agora mesmo xa están en obras ou a piques de abrir, ademais destes dos baixos visitados pola presidenta, un establecemento de alimentos frescos e exóticos en Abeleira Menéndez 13-15, unha tenda de fotografía en Santiago, 19, unha consultoría medioambiental en Santiago 11-13-15-17 e un estudo de arquitectura tamén en Santiago 11-13-15-17.

Vigo, 14 de agosto de 2012.-  A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, realizou hoxe unha visita aos primeiros locais comerciais rehabilitados polo organismo e que xa iniciaron a súa actividade empresarial.

Adxudicados e entregados polo organismo en réxime de aluguer, estes locais abriron as súas portas recentemente no barrio histórico, co que a dinamización comercial e revitalización da zona segue o seu curso xunto a labor de rehabilitación dun total de 20 inmobles máis na parte alta do Casco Vello, no entorno do Castelo de San Sebastián.

Bravo Bosch, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, estivo con dous dos primeiros novos emprendedores que xa teñen en marcha a súa actividade comercial. Trátase de Montserrat Freire que rexenta unha tenda de produtos de proximidade en Abeleira Menéndez, 11, e do profesional Javier Teniente que dirixe unha galería de venta fotográfica na mesma rúa, no número 13-15. Ambos transmitiron aos responsables do organismo a súa satisfacción e as boas vibracións nas primeiras xornadas de operatividade.

A presidenta trasladoulles o seu agradecemento por apostar e instalarse no barrio antigo contribuíndo así a este importante proceso de revitalización integral que está a sufrir o Casco Vello “Son os que máis que arriscan”, considerou Bravo Bosch.

A tamén delegada da Xunta aproveitou o encontro para facer un chamamento ao resto das mozas e mozos emprendedores da cidade que queiran montar os seus propios proxectos empresariais e opten por instalarse no centro histórico da cidade. E é que, coma explicou, aínda quedan cinco baixos comerciais sen adxudicar, concretamente os emprazados nas promocións de Abeleira Menéndez 18-20 (un baixo), Abeleira Menéndez 24-26 (un local), Cruz Verde, 5 (dous locais) e Real, 25 (un local). Coma ata o de agora, adxudicaranse en réxime de aluguer e os seus contratos terán unha duración máxima de 5 anos aínda que os arrendatarios contarán cunha opción de compra transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade.

As superficies destes locais comerciais que aínda están sen adxudicar van dende os 46,10m2 aos 72,17 metros cadrados de superficie mentres que os prezos de aluguer ao mes oscilan entre os 189,01 e os 274,16 euros. Dous deles contan, incluso, con patio. Durante os dous primeiros anos de arrendamento, os beneficiarios terán unha bonificación do 50% do seu importe mentres que no caso de facer efectiva a opción de compra pasado un ano da posta en marcha da actividade, os prezos de compravenda poden ir dende os 36.300 euros aos 126.500 euros. Esta medida ten coma fin facilitar e dar maiores oportunidades de negocio aos novos emprendedores na actual situación de crise económica co obxectivo último de participar no fomento do emprego e a recuperación económica.

Por último, o CCVV -participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- porá no mercado antes de que remate o ano, outra nova quenda de locais ubicados no entorno do Castelo de San Sebastián, concretamente nas rúas Ferraría e San Sebastián.

 

Facebook