Bravo Bosch felicita aos arquitectos do cuarteirón Ferraría-San Sebastián, rehabilitado polo CCVV e premiado polo COAG

  • O estudo de arquitectura Cendón-Vázquez recibiu onte o recoñecemento no apartado de vivenda do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) pola súa moderna e innovadora rehabilitación en dita mazá da parte alta do barrio histórico.
  • Esta intervención supuxo un orzamento de 1,2 millóns de euros, un dos maiores investimentos do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) dende a súa creación.
  • O xurado da XV Gala dos Premios do COAG celebrada na Coruña valorou o resultado final das 9 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e máis 1 local comercial da promoción Ferraría 11-13-17-19-San Sebastián 1-3-5-7
  • Os arquitectos, Perfecto Cendón e Javier Vázquez, acompañados no acto pola arquitecta do organismo, Nuria Campos, amosaron o seu agradecemento ao CCVV pola oportunidade brindada e formar parte da recuperación integral da zona vella.

Vigo, 15 de febreiro de 2013.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, felicitou hoxe publicamente aos arquitectos Perfecto Cendón e Javier Vázquez polo premio acadado no apartado de vivenda outorgado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) ao abeiro da súa rehabilitación no cuarteirón Ferraría-San Sebastián da parte alta do barrio histórico.

O galardón o recibiron os dous profesionais onte, durante a XV Gala dos Premios do COAG celebrada no Teatro Rosalía de Castro na Coruña, e ambos integrantes do estudo de arquitectura Cendón-Vázquez agradeceron a oportunidade brindada polo organismo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- por formar parte activa da recuperación integral do Casco Vello. No acto estiveron acompañados pola arquitecta do organismo, Nuria Campos.

Bravo Bosch resaltou así o resultado acadado nas vivendas, cun deseño innovador e modernista e as mellores calidades e materiais así coma o bo facer dos arquitectos galardoados, que preservaron en todo momento o parcelario orixinal e os elementos patrimoniais recuperando na medida do posible as lareiras de pedra e mantendo os muros e balcóns con gran importancia patrimonial.  “É un recoñecemento a unha das actuacións máis coidadas e onde se preservaron importantes elementos patrimoniais”, valorou a delegada da Xunta.

Tras a reforma da mazá de Ferraría 11-13-17-19-San Sebastián 1-3-5-7 saíron un total de 9 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e 1 local comercial. Dos 9 pisos, 4 son dun dormitorio, 3 de dous dormitorios e 2 de  tres dormitorios. As superficies van dende os 56,60 m2 e 108,90 m2 e os prezos de venda oscilan entre os 100.392,55 euros e os 193.158,11 euros. A día de hoxe, xa se están a entregar aos seus adxudicatarios os primeiros pisos desta promoción.

No cuarteirón Ferraría-San Sebastián o organismo investiu máis de 1,2 millóns de euros e súa rehabilitación cambiou substancialmente a imaxe da parte alta do Casco Vello, na que segue a centrarse toda a labor rehabilitadora do CCVV.

A rehabilitación desta mazá da Ferraría-San Sebastián conta tamén con outros galardóns máis do COAG, entre eles, ao do Mellor Proxecto outorgado polos Premios GranDeArea 2011. No caso dos premios de onte na Coruña, presentáronse un total de 193 obras rematadas entre o 31 de xullo do 2010 e o 31 de xullo de 2012. O xurado seleccionou 36, catro por cada unha das oito categorías establecidas: vivenda, equipamento, espazos abertos público, ordenación do territorio, reforma interior, divulgación e investigación, obra novel e proxecto fin de carreira.

 

Facebook