Bravo Bosch considera un “recoñecemento” e un “éxito” do CCVV o premio recibido na XII Bienal Española de Arquitectura

  • A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, acompañou onte na cidade de Madrid ao presidente nato do organismo e conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, quen foi o encargado do recibir o prestixioso galardón.
  • O CCVV presentouse á convocatoria deste premios a nivel nacional e resultou premiado recoñecendo así á revitalización e transformación do barrio histórico que lidera o organismo dependente da Xunta de Galicia nun 90% e polo Concello de Vigo no 10% restante.
  • Para Bravo Bosch esta “importante” distinción a nivel estatal supón un “pulo máis” para seguir a traballar na mesma liña de recuperación da zona histórica, facéndoo extensible “aos vigueses e ás viguesas que veñen a compartir un proxecto de vida e de traballo ao noso barrio”.

Vigo, 15 de novembro  de 2013.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, cualificou moi positivamente o XII Premio Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) á recuperación do barrio histórico que segue a liderar o organismo, na categoría de revitalización e transformación do centro urbano, e que foi entregado na tarde de onte na cidade de Madrid. A distinción, en verbas de Bravo Bosch, dará aínda máis forza e será un “pulo máis” para seguir “coa calidade” e “sen perder un ápice” a recuperación e o labor iniciado polo organismo no ano 2005.

A delegada da Xunta en Vigo acompañou onte ao presidente nato do CCVV e conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, quen foi o encargado de recoller o prestixioso galardón durante unha gala de entrega de premios que se levou a cabo na Cineteca do Matadero de Madrid. Para Bravo Bosch, trátase dun “importante” premio a nivel estatal que premia “a calidade e o rigor” co que o Consorcio está a recuperar o Casco Vello.

Nas súas verbas de agradecemento, non quixo esquecerse dos “vigueses e as viguesas que veñen a vivir e a abrir os seus locais, a compartir un proxecto de vida e de traballo ao noso barrio histórico”. Precisamente son as novas familias e os novos emprendedores que xa residen na zona antiga as que están a cambiar a imaxe dunha zona que estivo anos abandonada.

Segundo destacou o propio xurado no seu fallo, valórase positivamente a rehabilitación do centro urbano que está a levar a cabo o organismo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- tendo en conta que se trata “dunha peza emblemática da cidade, xurdida da relación co mar desde que os romanos instaláronse nel e comerciaron a través do seu porto”.

Ademais, os profesionais que premiaron ao CCVV lembran a situación de marxinalidade e degradación na que se atopaba o barrio histórico, sobre todo, a súa parte alta. Tamén sinala o fallo o obxectivo principal polo que se creou o Consorcio e que se traduce en “servir de motor dun proceso de rehabilitación integral, arquitectónico, urbanístico, económico e social”.

Segundo recoñecemento nun ano Este premio da XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) é o segundo galardón que recibe o organismo no que vai de ano, xa que o pasado mes de febreiro o estudo de arquitectura Cendón-Vázquez, encargado da rehabilitación do cuarteirón Ferraría 11-13-15-17/San Sebastián 1-3-5-7, recibiu o Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), no apartado de vivenda, pola súa moderna e innovadora rehabilitación en dita mazá da parte alta do barrio histórico.

Facebook