Axudicadas tres vivendas de aluguer no Casco Vello

14/12/2016  A Consellería de Infraestrutura e Vivenda da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS)realizou esta maña o sorteo para a asignación de tres Vivendas de Protección Pública en réxime de aluguer no Casco Vello. Dous destas vivendas, situadas na rúa Subida ao Castelo, son propiedade do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), quen dentro do seu programa de actuación desta zona da cidade adquiriunas para proceder á súa rehabilitación e posta a disposición daquelas persoas interesadas en residir na mesma. Tras coñecerse o resultado, as tres familias beneficiadas puideron realizar unha visita á vivenda concreta que lles foi asignada e en breve prazo procederase á firma dos contratos e a entrega de chaves.

O sorteo, realizado esta mañá nas instalacións da Delegación da Xunta en Vigo, foi presidido polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Infraestructura e Vivenda, José L. Díez Yáñez e a xefa da área provincial do IGVS, María Martínez Allegue.

O sorteo culmina un proceso de adxudicación de vivendas iniciado en abril, no que puideron participar todas aquelas persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, na modalidade de VPP en zonas rurais ou centros históricos e, en concreto, en réxime de aluguer na cidade de Vigo. O pasado mes de novembro aprobouse a listaxe definitiva de adxudicatarios e hoxe realizouse a asignación concreta de vivendas.    O prezo de aluguer das vivendas comprendidas neste réxime  sitúase ao redor dos 140 euros, variando en función da superficie e dos ingresos dos adxudicatarios.

 As residencias agora adxudicadas atópanse, unha, nos números 39-41 da rúa Ferraría e as outras dúas, das que é propietaria o CCVV, nos números 14-16 de Subida ao Castelo. As tres teñen a categoría de dúplex, contan con rocho, e superficies de 64,12 m2, 51,54 m2 e 64,56 m2 respectivamente.

Facebook