Aprobado o prego técnico de Subida a Costa 5

O pleno do Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, presidido polo Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, aprobou na súa reunión de hoxe , 28 de xullo, o prego de condicións técnicas para a posta en marcha da rehabilitación do edificio situado na rúa Subida a Costa 5, na zona alta do barrio histórico vigués.

Estado actual do edificio do que só se conservan as fachadas.

Con este trámite o Consorcio Casco Vello, integrado nun noventa por cento pola Xunta de Galicia e un dez por cento polo Concello de Vigo, inicia o proceso administrativo para a adxudicación dunha obra que permitirá a rexeneración dun edificio dividido en semisótano, planta baixa e planta alta,  do que na actualidade só se conservan as fachadas,  para dar lugar a unha  vivenda e un baixo comercial  co unha superficie total util de 180 m2. A vivenda, que contará con dous dormitorios, baño, cociña e sala de estar,  ocupará a planta alta e terá acceso a través da planta baixa, en tanto que o local comercial ocupará o resto da planta baixa e o semisótano.

A actuación realízase nunha parcela cualificada como chan urbano consolidado dentro do PEPRI Casco Vello de Vigo. De acordo con esta cualificación considéranse como elementos a protexer na execución do proxecto as fachadas de pedra do  edificio,  prohibíndose a alteración dos seus materiais e carpinterías exteriores. A licenza outorgada para a construción establece así mesmo a obrigación de demoler un anexo realizado no patio exterior do edificio.

A obra a realizar, a partir do proxecto básico e de execución redactado polo arquitecto José Luis Díaz Mateo, ten un orzamento de 201.276,08 euros, e súmase a varias actuacións que o Consorcio realiza na actualidade nas próximas rúas de Ferrería ou Subida ao Castelo, e á recente adquisición doutro inmoble na tamén lindante cale Cruz Verde. En total, o organismo que preside Ignacio López-Chaves investirá ao longo de 2016 dous millóns de euros para continuar co labor de rexeneración urbanística que desde fai dez anos realiza na zona histórica de Vigo, o que supuxo actuacións en máis dun centenar de vivendas e locáis.

Facebook