Ampla participación na xornada organizada polo CCVV coa que festexou o seu premio da XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU)

  • O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) celebrou hoxe unha completa xornada sobre arquitectura no Edificio Cambón que serviu para poñer en valor e compartir coa cidadanía o seu traballo de recuperación integral do barrio.
  • O acto inaugural contou coa presenza do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, quen eloxiou o traballo de revitalización e dinamización do organismo, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo.
  • A xornada incluíu un relatorio da directora xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Teresa María Gutiérrez, e dos arquitectos Irisarri e Piñera ademais dunha mesa redonda sobre arquitectura.
  •  Tamén se entregaron os premios aos gañadores dos concursos de debuxo e fotografía dos colexios e institutos de Vigo, os diplomas de recoñecemento aos arquitectos que participaron durante estes anos no proceso de rehabilitación do Casco Vello e, por último, se recoñeceu cun vídeo conmemorativo a un grupo de veciños que levan vivindo toda a súa vida no barrio.

Vigo, 20 de decembro de 2013.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) celebrou durante a mañá de hoxe o premio recibido pola XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) compartindo con toda a cidadanía a xornada de arquitectura ‘Casco Vello de Vigo: exemplo de rehabilitación, mirando ao futuro. Proxecto premiado na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU)’. Aos actos celebrados no Edificio Cambón asistiu un nutrido número de persoas relacionadas co sector.

Con esta iniciativa, o organismo –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo- quixo festexar o recente premio outorgado pola prestixiosa institución, que recoñeceu o traballo de recuperación integral no que a revitalización e transformación do centro urbano se refire.

O acto inaugural contou coa presenza do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, quen estivo acompañado tamén da presidenta do CCVV, María José Bravo Bosch, e do vicepresidente, Santiago Domínguez Olveira, así coma do resto de membros que forman parte do Consello de Administración do organismo.

Tras a inauguración, a xornada contou cun relatorio da directora xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Teresa María Gutiérrez. Despois, distintos membros do Consello de Administración foron os encargados de entregar os premios dos concursos de debuxo e fotografía sobre o barrio histórico -organizado polo CCVV- no que participaron distintos colexios e institutos da nosa cidade.

No caso do certame de debuxo os gañadores foron César Alonso do CEIP Ría de Vigo (1er premio), Alejandra Lago do CEIP Altamar (2º premio) e Pablo Tresandi do CEIP O Pombal (3er premio), mentres que os de fotografía se fixeron cos premios Itsaso Fernández do IES Santa Irene (1er premio), Javier López do Salesianos de Vigo (2º premio) e Claudia Reigosa do Colexio Compañía de María (3er premio). Tamén se entregaron diplomas a distintos arquitectos que formaron e forman parte da recuperación liderada polo organismo.

A media mañá, os arquitectos Jesús Irrisari e Guadalupe Piñera ofreceron outra conferencia aos asistentes, mentres que despois tivo lugar unha mesa redonda moderada polo vicepresidente do CCVV que contou coas impresións do xerente do organismo, Alfonso Ramos, do director técnico de construcións e calidade do IGVS, Ricardo Valencia, e do presidente da sede viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Antonio Davila. O punto e final á xornada puxérono a presidenta do organismo e a directora xeral do IGVS.

Tamén, ao longo da xornada e na planta 2 do edificio Cambón, se proxectou diverso material gráfico a través do que os asistentes puideron contemplar o antes e o despois do Casco Vello dende que no ano 2005 o organismo comezou a actuar na zona.


Vídeo ‘Os ollos do Casco Vello de Vigo’ 
Nas proxeccións audiovisuais foron protagonistas, ademais, catro veciños do barrio histórico que levan residindo no mesmo dende principios do século XX. O CCVV quixo dar voz a Luis, Mª Dolores, Concha e Francisco, que lembraron as súas experiencias de toda unha vida no Casco Vello. Concha foi pescantina xunto a súa nai, Luis amosa un cadro pintado da época con comercios xa desaparecidos, Mª Dolores segue vivindo na rúa Real e Francisco naceu na Ribeira do Berbés.

A través de ‘Os ollos do Casco Vello de Vigo’ estes veciños lamentan as décadas de esquezo do barrio que agora, coma tamén recoñecen, comeza a rexurdir grazas á rehabilitación integral que se puxo en marcha. Segundo as palabras dunha das protagonistas, Mª Dolores: “Vigo naceu aquí, todo o demais é engadido, o Casco Vello é Vigo”.

O premio da XII BEAU, no Matadero de Madrid Foi o pasado 14 de novembro cando o CCVV recibiu finalmente o prestixioso galardón da XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, durante una gala que se celebrou no Matadero de Madrid. Ao acto acudiron Hernández e a presidenta do organismo, ademais contaron coa presenza da ministra de Fomento, Ana Pastor.

Segundo o fallo do xurado, a recuperación que leva a cabo o CCVV se trata “dunha peza emblemática da cidade, xurdida da relación co mar desde que os romanos instaláronse nel e comerciaron a través do seu porto”. Os profesionais que premiaron ao organismo lembran no seu argumento a situación de marxinalidade e degradación na que se atopaba o barrio histórico e, sobre todo, a súa parte alta.

Facebook