A Xunta sorteará a próxima semana 8 VPA rehabilitadas polo CCVV

ccvv2

  • Trátase de vivendas protexidas de promoción privada, rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), participado nun 90 por cento polo IGVS.
  • As vivendas están emprazadas na zona alta do Casco Vello vigués, concretamente, nas rúas San Sebastián e Ferrería.
  • O sorteo realizarase entre os integrantes das listas de admitidos publicadas hoxe na web do IGVS e do CCVV, xa que o procedemento para a adxudicación iniciouse no pasado mes de maio.
  • Xa son 69 as familias aloxadas en vivendas rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo e 17 os locais con actividade comercial.

Vigo, 9 xullo de 2015.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo sorteará o próximo 14 de xullo oito vivendas protexidas, de promoción privada, rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV). O sorteo realizarase entre os integrantes das listas de admitidos, publicadas hoxe na web do IGVS (http://igvs.es/web/actuamos/600) e do CCVV.

As vivendas a sortear, cuxo procedemento para a adxudicación se iniciou no pasado mes de maio, están emprazadas nas rúas San Sebastián 24-26 e Ferrería 3-5-7 e reúnen as seguintes características:

Emprazamento Características das vivendas Prezo de venda
San Sebastián 24-26 Planta baixa 61,96 m2 89.842 €
San Sebastián 24-26 1ª e 2ª planta 72,65 m2 105.342,50 €
San Sebastián 24-26 1ª planta 57,86 m2 83.897 €
San Sebastián 24-26 2ª planta 60,41 m2 87.594,50 €
Ferrería 3-5-7 1ºA 55,88 m2 81.026 €
Ferrería 3-5-7 1º B 57,34 m2 83.143 €
Ferrería 3-5-7 2º A 55,44 m2 80.388 €
Ferrería 3-5-7 2º B 87,38 m2 126.701 €

O sorteo das vivendas –que será público e ante notario- terá lugar o 14 de xullo de 2015 ás 10:30 horas, no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo.

ccvv1Balance de actividade Ata o día de hoxe, o IGVS sorteou xa 74 VPA rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo, que formaron parte dun total de cinco fases con distintas promocións de inmobles. Dos dez últimos pisos de protección adxudicados o pasado mes de marzo e relativos á promoción San Sebastián 4-6 e Subida ao Castelo 5-7, xa foron entregadas sete vivendas aos seus adxudicatarios. Con estas últimas entregas de chaves levadas a cabo nas últimas semanas, xa son 69 as familias que residen na zona desde que o CCVV comezou a súa oferta de pisos rehabilitados, no ano 2011.

Ademais o CCVV aínda ten dispoñibles outros catro pisos que se poden adxudicar a interesados que teñen que estar inscritos previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, no apartado  de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra.

Na actualidade, o CCVV adquiriu un total de 70 inmobles, dos cales 43 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 99 vivendas (82 para venda, 12 para aluguer e cinco para realoxos) e 27 locais comerciais (17 xa teñen actividade empresarial,  tres están en proceso de adxudicación mediante concurso público e outros catro están acabados de rematar, un está pendente do uso e os outros dous son os correspondentes á sede de APEC e ao novo Servizo de Notificacións e Embargos).

Así mesmo, 10 inmobles foron transmitidos a outras institucións, incluíndo aquí, entre outros, os últimos tres edificios da Ribeira do Berbés (números 11-13-15) onde a Universidade de Vigo construirá o seu Centro de Linguas, así coma os catro inmobles adquiridos polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España (Real, 29-31-33 e Alta, 26), desde onde xa operan.

Por último, xa foron licitadas as obras de rehabilitación doutros catro edificios emprazados na rúa Ferrería, concretamente, nos números 10-12 e 45-47 dos que, logo da intervención prevista, se porán no mercado outras seis vivendas de protección autonómica e dous locais comerciais.

Facebook