A Xunta investirá preto de 4 millóns de euros na rehabilitación integral da fachada do Berbés, dentro do Plan de Actuación do Casco Vello de Vigo 2013-2017 aprobado hoxe

  • A aportación autonómica (3,6 millóns de euros) suporá o 90% das achegas previstas, e o concello de Vigo (400.000 euros) achegará o 10% restante
  • O Consorcio tamén acometerá actuacións noutros 14 inmobles da zona alta do Casco Vello cun investimento de 5,64 millóns de euros
  • A rúa Poboadores será obxecto dunha actuación de mellora que constará dunha achega económica de 3,7 millóns de euros
  • Dende a súa constitución ata hoxe o Consorcio adquiriu 64 inmobles que significan vivendas para venda, arrendamento, realoxo ou locais comerciais
  • Ata o de agora rematáronse rehabilitacións en 34 inmobles, o que se traduce en 20 locais comerciais e 77 vivendas, nas que xa están a vivir unhas 60 familias.

Vigo, 7 de agosto de 2013.- O consello de administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) aprobou hoxe o Plan de Actuación para o período 2013-2017, que contempla uns investimentos de 14,6 millóns de euros para continuar coas actuacións programadas tanto na zona alta como na zona baixa da zona histórica da cidade, para intervir en 22 inmobles que darán lugar a 43 vivendas e 17 locais comerciais.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, que presidiu esta mañá a reunión do Consorcio, explicou que o novo plan contempla como novidade máis salientable o agardado inicio da rehabilitación integral da fachada do Berbés, un espazo emblemático da cidade que se atopa en estado moi deficiente, e que que dende agora incorpórase ao programa do Consorcio como un dos seus obxectivos prioritarios.

Nunha rolda de prensa celebrada logo do consello de administración, na que tamén participou o alcalde, Abel Caballero, Hernández avanzou que a aportación autonómica (3,6 millóns de euros) suporá o 90% das achegas previstas para o Berbés, e o Concello de Vigo (400.000 euros) farase cargo do 10% restante, mesma porcentaxe que ambas as dúas administracións manteñen no organismo consorciado.

UBICACIÓN VIVENDAS LOCAIS COMERCIAIS
O Berbés – 11, 13, 15      Vivendas – 9     Locais- 3
O Berbés – 25                  Vivendas – 2     Locais – 1
O Berbés – 29                  Vivendas – 5     Locais – 1
O Berbés – 19-21-23
TOTAL                             Vivendas – 16   Locais – 5

O obxectivo é actuar inicialmente en 8 inmobles na praza da Ribeira do Berbés. Para esta actuación elaborarase ademais un proxecto singular que poida optar ás axudas do Plan de Vivenda 2013-2016, para incrementar a cifra de investimento a os 5,3 millóns de euros.

O titular de Infraestruturas indicou que “Vigo non se podería entender sen o Berbés, cerne e orixe da cidade, e con este novo investimento comprometido, daráselle un novo pulo para que poida lucir como merece”.

Xunto con este proxecto, o Consorcio tamén acometerá actuacións noutros 14 inmobles da zona alta do Casco Vello cun investimento previsto de 5,64 millóns de euros, que neste caso serán aportados con fondos propios do organismo.

No que se refire á segunda fase do novo Plan de Acción, a rúa Poboadores será obxecto dunha actuación de mellora que constará dunha achega económica de 3,7 millóns de euros, investimento procedente dos ingresos obtidos polo superávit previsto na zona alta.

Agustín Hernández explicou que “todos estes proxectos, que supoñen un importante esforzo investidor, amosan o compromiso do Goberno da Xunta coa cidade de Vigo, onde actualmente se están a facer realidade proxectos como o PAU de Navia, a nova depuradora ou o novo Hospital”.

Actuacións executadas
O conselleiro de Medio Ambiente tamén fixo balance das actuacións realizadas dende a constitución do Consorcio ata a actualidade, 64 inmobles para os que Xunta e Concello de Vigo achegaron 30 millóns de euros, dos que o 90% corresponden á Administración autonómica.
7 inmobles transmitidos a outras institucións: un á Xunta para o Servizo de Notificacións e Embargos, 4 para os Rexistros da Propiedade e 2 ao Concello de Vigo.
34 inmobles cuxas rehabilitacións están rematadas: tradúcense en 20 locais comerciais e 77 vivendas (60 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos).
6 inmobles cuxas rehabilitacións están en execución: dan lugar a 14 vivendas e 3 locais comerciais.
11 inmobles cuxas rehabilitacións están en fase de proxecto: significan 27 vivendas e 7 locais comerciais.
6 inmobles adquiridos sen proxecto

Obxectivos
Hernández indicou que mediante o Consorcio preténdese conseguir un espazo atractivo para a residencia, con ofertas interesantes para fomentar a instalación de novos residentes. É mais, ata o de agora, xa son unhas 60 familias as que están a residir no barrio antigo. Ao mesmo tempo, poténciase o investimento na cidade e o atractivo turístico, xerando un espazo urbano de calidade, dando prioridade á circulación peonil e mellorando vías. Ademais recupéranse espazos con historia a través dunha rehabilitación integral a nivel arquitectónico, urbanístico, económico e social.

O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) naceu a raíz da sinatura o 10 de marzo de 2004 do convenio entre o IGVS, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Concello de Vigo co obxectivo de levar a cabo actuacións de rehabilitación no Casco Vello de Vigo.
O 3 de febreiro de 2005 asinouse un convenio entre as tres administracións para a constitución do Consorcio. O convenio e os Estatutos do CCVV foron publicados no DOG do 16 de marzo de 2005, quedando formalmente constituído o 12 de abril. En outubro de 2007 separouse do CCVV o Consorcio da Zona Franca de Vigo, asumindo o IGVS a súa participación. A partir desa data o CCVV está integrado polo IGVS (cun 90% do capital) e o Concello de Vigo (10% do capital).

En 2012 asinouse un novo convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Vigo para ampliar a existencia do Consorcio ata o ano 2017 e modificáronse os estatutos.

No seguinte plano indícanse os proxectos enmarcados no Plan de actuación 2013- 2017 así como as actuacións executadas ata a actualidade.

 

Facebook