A xornada de arquitectura do CCVV para celebrar o premio da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo celebrarase este venres

O premio recibido polo CCVV

  • A iniciativa, que se desenvolverá no Edificio Cambón, pretende poñer en valor o seu traballo de recuperación integral da zona vella.
  • Está previsto que ao acto inaugural da xornada asistan o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
  • Entre as actividades previstas, haberá unha conferencia da directora xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Teresa María Gutiérrez, ademais dunha mesa redonda sobre arquitectura na que estarán presentes responsables do CCVV,  da delegación viguesa do COAG e do IGVS.
  • Tamén se recoñecerá o traballo de todos os arquitectos que participaron na labor de recuperación do Casco Vello coa entrega dun diploma conmemorativo e se fará entrega dos premios dos concursos de debuxo e fotografía sobre o Casco Vello no que participaron distintos colexios e institutos da cidade.

Vigo, 16 de decembro de 2013.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) desenvolverá este venres día 20, no Edificio Cambón, a xornada de arquitectura ‘Casco Vello de Vigo: exemplo de rehabilitación, mirando ao futuro. Proxecto premiado na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU)’. Con esta iniciativa, o organismo pretende celebrar o recente premio recibido pola prestixiosa institución, que recoñece o traballo de recuperación integral no que a revitalización e transformación do centro urbano se refire.

Ao acto inaugural que comezará ás 10:00 horas nas instalacións do Cambón está previsto que asistan o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Tamén estarán presentes a presidenta do CCVV, María José Bravo Bosch, o vicepresidente, Santiago Domínguez Olveira, así coma o resto de membros que forman parte do Consello de Administración do organismo.

Tras a inauguración institucional, ás 10:15 horas haberá un relatorio da directora do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Teresa María Gutiérrez, que será presentada María José Bravo Bosch. Xa a partires das 11:00 horas, membros do Consello de Administración do organismo entregarán os premios dos concursos de debuxo e fotografía –organizados polo CCVV- sobre o barrio histórico no que participaron distintos colexios e institutos da nosa cidade.

Tamén se recoñecerá o traballo feito polos arquitectos que participan ou participaron na recuperación do barrio e a algúns dos veciños que levan toda a vida vivindo no Casco Vello.

A xornada continuará cos arquitectos Jesús Irrisarri e Guadalupe Piñera -responsables da construción da nova sede dos Rexistradores da Propiedade na rúa Real- que ofrecerán unha conferencia aos asistentes sobre rehabilitación.

Tamén haberá unha mesa redonda moderada polo vicepresidente do CCVV, Santiago Domínguez, e que contará coas impresións do xerente do organismo, Alfonso Ramos, o presidente da sede viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Antonio Davila, e o concelleiro de Fomento, David Regades.

O punto e final á xornada correrá a cargo da presidenta do CCVV, quen estará acompañada polo vicepresidente e a tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, así coma a directora xeral do IGVS.

Ademais, durante toda a xornada se proxectará na planta segunda do Edificio Cambón diverso material gráfico a través do que poder contemplar o antes e o despois do Casco Vello dende que no ano 2005 o organismo –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello- comezara a actuar na zona.

Fallo do xurado No argumento para o premio recibido, o xurado da XII BEAU destacou o pasado 28 de xuño que a recuperación se trata “dunha peza emblemática da cidade, xurdida da relación co mar desde que os romanos instaláronse nel e comerciaron a través do seu porto”.

Ademais, os profesionais que premiaron ao organismo lembran no seu fallo a situación de marxinalidade e degradación na que se atopaba o barrio histórico e, sobre todo, a súa parte alta e non esquecen o obxectivo principal polo que se creou o CCVV: “servir de motor dun proceso de rehabilitación integral, arquitectónico, urbanístico, económico e social”.

O premio foi recollido o pasado 14 de novembro polo presidente nato do CCVV, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, nunha gala que tivo lugar no Matadero da Madrid e que estivo presidida pola ministra de Fomento, Ana Pastor.

Facebook