A sede dos rexistros no Casco Vello de Vigo premiada pola X Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo

 

 

O equilibrio alcanzado nos tres tipos de intervención – rehabilitación, reestruturación para novos usos e substitución parcial de elementos construtivos- levadas a cabo polo estudo dos arquitectos Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso na nova sede dos Rexistros da Propiedade de Vigo foi especialmente valorado polo Xurado da X Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo, que premiou esta actuación na categoría de Patrimonio e Conservación.

A obra galardoada consistiu na integración de catro edificios adquiridos ao Consorcio Casco Vello nos números 29, 31 e 33 da rúa Real e o número 26 da rúa Alta, conxugando as necesidades funcionais dos novos propietarios co respecto á idiosincracia e a tipoloxía construtiva do barrio histórico vigués. Un patio central, suma doutros preexistentes e que permite a conexión coas rúas circundantes situadas a distinto nivel,  e a creación dun acceso que pretende acentuar a nova escala pública da construción son dúas dos trazos máis significativos deste equipamento.

Foto: Héctor Sánchez Díez.

Estado previo dun dos edificios rehabilitados.

O resultado é, sen lugar a dúbida, un edificio que xera todo menos indiferenza e que se converteu nun  polo de dinamización primordial para esta zona da cidade,  rompendo a súa prolongada escora cara ao sector da restauración e o recurso ao lecer nocturno,  unha tendencia que se verá reforzada nun futuro inmediato coa instalación na próxima praza do Berbés dun centro de apoio da Universidade de Vigo.  Trátase sen dúbida dunha aposta arriscada polo que non cabe senón felicitar aos Rexistradores da Propiedade de Vigo polo seu valente decisión e ao estudo de arquitectura responsable pola súa inspirada execución.

Este galardón únese á xa ampla lista de recoñecementos que institucións vinculadas á arquitectura e ao urbanismo concederon a construcións e plans de rehabilitación no ámbito de actuación do Consorcio Casco Vello de Vigo. Entre estes cabe citar o obtido na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo de 2013, polo proxecto integral de recuperación da  zona,  ou o  concedido o mesmo ano polo Colexio de Arquitectos de Galicia á rehabilitación levada a cabo na promoción Ferraría 11, 13, 17, 19 -San Sebastián  1, 3, 5, 7.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter