O CCVV aproba por unanimidade a construción do Rexistro Civil no barrio antigo

  • Lucía Molares informou do visto bo dado polos membros do Consello de Administración para trasladar o Rexistro Civil ao Casco Vello, que será unha realidade a finais de 2013
  • A modificación do artigo 4.3  dos Estatutos do CCVV permitirá que a Xunta adquira de maneira directa dunha parcela dotacional na rúa San Sebastián, 13, e un baixo comercial en Abeleira Menéndez 24

Vigo, 13 de outubro de 2011.-  A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, informou da aprobación por unanimidade do acordo do Consello de Administración celebrado hoxe e que permitirá a construción do Rexistro Civil no barrio antigo. O futuro edificio que albergará esta dotación xudicial se levantará nun solar da rúa San Sebastián, 13, e nun baixo comercial de Abeleira Menéndez 24.

 Molares, acompañada polo xerente de CCVV, Alfonso Ramos, agradeceu o visto bo de todos os membros do Consello de Administración –representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e dos tres grupos municipais do Concello- para levar adiante unha modificación do artigo 4.3 dos Estatutos do ente, trámite que considerou necesario para “poder efectuar algo tan importante como trasladar o Rexistro Civil ao casco histórico”.

 A presidenta do CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo- sinalou que a Administración autonómica investirá máis de 1,5 millóns de euros na adquisición dun terreo dotacional e na edificación do futuro Rexistro Civil. A compra por parte da Xunta dun solar e dun local comercial –propiedade do organismo- está valorado en 580.000 euros, mentres que a construción do novo edificio suporá un custo máximo estimado de 900.00 euros. Con todo, Molares apuntou que o traslado definitivo do Rexistro Civil ao barrio antigo producirase a finais da lexislatura autonómica, en 2013.

 A modificación do artigo 4.3 queda desta maneira: “O Consorcio Casco Vello de Vigo como ente local de dereito público dotado de patrimonio ten plena capacidade de obrar polo que poderá dispoñer e allear o seu patrimonio con suxeición á lexislación que lle sexa aplicable. En todo caso poderá allealos bens, co acordo do Consello de Administración, directamente a unha Administración pública”. Este cambio na redacción, segundo explicou Molares, era necesario técnica e xuridicamente “para poder realizar a compra directa da Xunta ao Consorcio”.

Tras contar cos informes xurídicos pertinentes de Xunta e de Concello, materializouse este acordo. A partires de agora debe pasar o trámite polo pleno do Concello e Consello da Xunta.

No transcurso do Consello de Administración acordouse tamén a presentación na vindeira sesión do órgano de goberno dun borrador da modificación dos Estatutos para continuar coa vixencia do CCVV.

Características da actuación A operación que se levará a cabo prevé a adquisición por parte do Goberno galego dunha parcela dotacional -propiedade do CCVV-  situada no número 13 da rúa San Sebastián, que conta cunha superficie total de 318 metros cadrados, ademais dun local ubicado no número 24 da rúa Abeleira Menéndez, de 67 metros cadrados, cuxo inmoble foi rehabilitado polo Consorcio.

A iniciativa suporá levantar unha nova edificación que se construirá nunha superficie de 206 metros cadrados sendo a idea inicial que o futuro Rexistro Civil albergue semisoto, baixo e planta primeira co obxectivo de intercomunicar ambas rúas da parte alta do barrio histórico da cidade.

11 locais comerciais Na rolda de prensa, Molares informou tamén da celebración na vindeira semana dunha mesa de contratación para analizar as 43 ofertas presentadas para ocupar en réxime de aluguer os 11 locais comerciais rehabilitados polo CCVV e que sairon a concurso público durante o verán.

Facebook