Xunta y Concello pactan continuar coa vixencia do CCVV durante 6 anos máis

María José Bravo Bosch y Antonio Boné durante la rueda de prensa de esta mañana

  • A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e o director xeral do IGVS, Antonio Boné, mantiveron hoxe unha reunión co resto dos membros do Consello de Administración do organismo para pechar a renovación do convenio ata o 30 de decembro do ano 2017.
  • Na xuntanza, aprobouse por unanimidade a aprobación da modificación dos Estatutos do CCVV e a designación da presidencia e vicepresidencia.
  • A presidencia recae no titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, cedéndoa á persoa que estea á fronte da Delegación de Vigo, neste caso, será para a delegada, María José Bravo Bosch.
  • No caso da vicepresidencia, ata agora inexistente, recae nun concelleiro do Concello de Vigo que será, a proposta do goberno municipal, para Santiago Domínguez Olveira.
  • A adopción de acordos adopta os mesmos criterios que os vixentes Estatutos, adoptándose coma regra xeral os acordos por maioría simple salvo nas cuestións máis importantes, que serán por unanimidade. 

Vigo, 21 de marzo de 2012.- A Xunta de Galicia e o Concello de Vigo chegaron hoxe ao acordo de continuar coa vixencia do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) durante 6 anos máis, ata o 30 de decembro de 2017, tras unha xuntanza que mantiveron esta mañá os membros do Consello de Administración de dito organismo, participado nun 90% polo Goberno galego e no 10% restante pola Administración local. No encontro, estiveron presentes responsables das dúas entidades consorciadas así coma representantes dos tres grupos municipais do Concello de Vigo. 

Tras a reunión, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e o director xeral do IGVS, Antonio Boné, compareceron conxuntamente para dar conta dos acordos aos que chegaron e que pasan pola renovación do convenio do CCVV por 6 anos máis. Bravo Bosch calificou de “bo día” esta xornada “porque chegamos a un acordo con concesións por ambas partes. A Xunta tivo a xenerosidade de facer concesións bastante importantes, e o Concello tamén”. 

Así, aprobáronse por unanimidade os dous puntos do orde do día que se trataron no encontro e que pasaban pola aprobación da modificación dos Estatutos do Consorcio así coma a designación da presidencia e vicepresidencia do organismo, esta última ata agora inexistente. 

Coma se contempla nos novos Estatutos, a designación da presidencia será para o titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, acordando que sexa cedida á persoa que estea á fronte da Delegación Territorial de Vigo, é dicir, a partires de agora a ostentará a delegada, María José Bravo Bosch. No caso da vicepresidencia, establécese que recae nun concelleiro do Concello de Vigo sendo, a proposta dos membros do goberno municipal, para Santiago Domínguez Olveira. 

En canto á adopción de acordos, se adopta os mesmos criterios que xa se contemplan nos vixentes Estatutos, adoptándose coma regra xeral os acordos por maioría simple salvo nas cuestións máis importantes que serán por unanimidade, figurando entre elas a proposta de modificación dos Estatutos, a aprobación dos plans de actuación e os orzamentos, contratación e designación do xerente, integración ou separación dos membros do Consorcio, a proposta de disolución do mesmo ou a cesión dos bens pertencentes ao Consorcio cando a súa contía exceda do 10% dos recursos ordinarios do orzamento anual. 

Por último, en canto á lexislación aplicable, mantense o carácter local do organismo aínda que ao ter a Xunta o 90% do capital do organismo, débense cumprir cos preceptos da Lofaxga (Lei de Organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia) que afectan ao réxime presupuestario, de contabilidade e control financeiro da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que, para estes puntos, decidiuse que os interventores de ambas administracións débense poñer de acordo.

Bravo Bosch destacou a “actitude conciliadora” e “de consenso” que se levou a cabo co Concello. “Aplaudimos que o Concello antepuxera o ben xeral e non rompera o consenso”, dixo a delegada, quen destacou a “lealdade institucional” establecida coa Administración local. 

Deixou claro así que a Xunta aposta decididamente pola rehabilitación do Casco Vello a través da continuación do traballo realizado ata a data, co fin de garantir a súa permanencia e a continuidade do traballo do Consorcio, obrigándose a reinvestir no barrio histórico os ingresos que obteña pola venda ou aluguer de edificios e vivendas xa rehabilitados. 

“A Xunta aposta por Vigo e a partires de agora toca traballar e rematar as actuacións que xa están en marcha e conquerir novos compromisos e novas actuacións dentro do Casco Vello”, lembrou a delegada, quen insistiu que a Xunta leva investidos no Consorcio un total de 27 millóns de euros dos 30 que compoñen o seu capital social.

Balance do CCVV Actualmente o Consorcio Casco Vello de Vigo é propietario de 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados, que totalizan 52 vivendas e 13 locais comerciais completamente recuperados. 

Destas 52 vivendas, 35 sorteáronse como vivendas de protección autonómica en réxime de compravenda a prezo concertado, 12 foron asignadas en réxime de alugamento e 5 destináronse a realoxos. 

Na actualidade xa son 33 as novas familias que residen na zona vella tras as distintas adxudicacións levadas a cabo polo IGVS –tanto no réxime de compravenda coma de alugueiro- e, nos vindeiros meses seguirán sumándose novas familias que están pendentes de formalizar a sinatura das súas escrituras e hipotecas.

No que respecta aos 13 locais comerciais, un deles xa está ocupado pola sede de APEC, mentres que o resto se sacaron a concurso público para adxudicarse en aluguer a novos emprendedores que, nos vindeiros meses, abrirán os seus negocios nas rúas do núcleo histórico. Mozos cunha media de 35 anos e con novos proxectos empresariais relacionados coa fotografía, deseño gráfico, hostalería, artesanía ou avogacía, entre outros, instalaranse no Casco Vello. 

Ademais, e coma explicou Bravo Bosch, na actualidade o CCVV xa ten en marcha a recuperación doutros 20 inmobles en ruínas no contorno do Castelo de San Sebastián -na parte alta do barrio antigo- que posibilitará a creación doutras 34 novas vivendas e 9 locais comerciais.

As obras son as relativas ás promocións das rúas Ferraría 25-27-29-31; ao cuarteirón Castelo-San Sebastián (Hortas 10-12, San Sebastián 8-12-14 e subida ao Castelo 5-7 e San Sebastián 4-6) e ao cuarteirón Ferraría-San Sebastián (que corresponde aos números 11,13,17,19 da rúa Ferraría e 3,5,7 de San Sebastián). Estas actuacións de recuperación de inmobles supoñen un investimento superior aos 3,8 millóns de euros e a previsión é que os traballos de rehabilitación estean rematados ao longo deste ano 2012. 

O Consorcio Casco Vello de Vigo tamén formalizou en 2011 o convenio de colaboración co Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España para que a sede e oficinas dos rexistros da propiedade da cidade se instalen no barrio antigo durante polo menos dez anos. A futura sede trasladarase a catro inmobles propiedade do CCVV situados nos números 29, 31 e 33 da rúa Real, e no número 26 da rúa Alta, o que suporá un paso importante no que a dinamización e revitalización integral do barrio histórico se refire. A venda dos catro inmobles reportará un total de case 3,4 millóns de euros que o CCVV destinará a novas adquisicións para seguir co traballo de recuperación.

Finalmente, tamén se instalará no núcleo vello de Vigo o Rexistro Civil. Con tal fin, o Consello da Xunta de Galicia autorizou o pasado dous de decembro unha modificación dos estatutos do Consorcio para facilitar que este lle venda á Xunta unha parcela dotacional situada no número 13 da rúa San Sebastián, que conta cunha superficie total de 318 metros cadrados, ademais dun local situado no número 24 da rúa Abeleira Menéndez, de 67 metros cadrados, cuxo inmoble foi rehabilitado polo Consorcio. O novo Rexistro Civil de Vigo levantarase na devandita parcela.

Facebook