Un total de 110 solicitantes participan no procedemento de adxudicación das 18 novas VPA rehabilitadas polo CCVV
- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), publicará nas vindeiras semanas o listado provisional de admitidos.
- Seguindo o proceso administrativo, logo se abre un prazo de reclamacións á lista provisional para, despois, publicar a lista definitiva de admitidos e proceder máis tarde ao sorteo das vivendas, que será público e ante notario, e se estima que sexa nas primeiras semanas do mes de xullo.
- As 18 novas vivendas de protección autonómica (VPA) rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) se atopan nas rúas San Sebastián, Ferraría e Hortas, teñen entre 1 e 3 dormitorios e uns prezos que oscilan entre 77.139,08 euros e 193.158,11 euros.
Vigo, 24 de maio de 2012.- Un total de 110 solicitantes se inscribiron no procedemento de adxudicación das 18 novas vivendas de protección autonómica (VPA) rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e que se atopan nas rúas San Sebastián, Ferraría e Hortas, todas elas na parte alta do barrio antigo da cidade.
Tras publicar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), a resolución pola que se daba inicio ao proceso o pasado 26 de abril, foron 110 as persoas que, no prazo establecido, decidiron inscribirse neste novo procedemento de adxudicación de vivendas de protección autonómica que oferta o CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo- e que supón poñer en marcha unha terceira fase de adxudicación de vivendas en réxime de compravenda por parte do Consorcio, presidido pola delegada territorial da Administración autonómica na cidade, María José Bravo Bosch.
A partires de agora, e seguindo o proceso administrativo, o IGVS publicará nas vindeiras semanas o listado provisional de admitidos. A continuación, abrirase un prazo de reclamacións para que os interesados poidan presentar os requirimentos que consideren oportunos e, unha vez resoltos, no prazo máximo de 10 días, se aprobarán as listas definitivas de admitidos, que serán debidamente publicadas. Posteriormente, realizarase o sorteo, público e ante notario, entre todos aqueles solicitantes que figuren na lista definitiva para coñecer así aos adxudicatarios das vivendas. Segundo os prazos establecidos, estímase que o sorteo poida celebrarse nas primeiras semanas do mes de xullo.
A delegada da Xunta e presidenta do CCVV felicitouse polo número de participantes inscritos e agradeceu a aposta e interese dos solicitantes por querer fixar a súa residencia no Casco Vello e formar parte así da revitalización integral do casco histórico vigués.
Os 18 pisos que se atopan nas rúas San Sebastián, Ferraría e Hortas, teñen entre 1 e 3 dormitorios e uns prezos que oscilan entre 77.139,08 euros e 193.158,11 euros. Nesta terceira fase de vivendas en réxime de compravenda que o CCVV pon no mercado, é a primeira vez que existen pisos de 3 habitacións.
As 18 VPA están nestes momentos en plena execución das súas obras e estímase que estean rematadas durante o período estival. Son as seguintes:
– Ferraría 11-13-15-San Sebastián 1- 3-5-7:
9 vivendas: 4 dun dormitorio, 3 de 2 dormitorios e 2 de 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,60 m2 e 108,90 m2 e os prezos oscilan entre 100.392,55 euros e 193.158,11 euros.
– Hortas 10-12:
5 vivendas: 3 de 2 dormitorios e 2 dun dormitorio. As superficies van dende os 66,67 m2 e 107,89 m2 e os prezos oscilan entre 118.253,91 euros e 191.366,65 euros.
– San Sebastián 8-12-14:
4 vivendas: 2 dun dormitorio+rocho e 2 de 2 dormitorios+rocho. As superficies van dende os 43,49 m2 e os 75,52 m2 e os prezos oscilan entre os 77.139,08 euros e os 133.951,33 euros.
As vivendas adxudícanse a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia e optan ás mesmas os inscritos en dito rexistro no Concello de Vigo e no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, no apartado de compra.