Torrado&Fernández Arquitecto, no Casco Vello dende hai 13 anos
Juan Carlos Torrado (arquitecto) e Ricardo Méndez (delineante), ou o que é o mesmo, Torrado&Fernández Arquitecto, son vellos coñecidos no barrio histórico onde levan asentados dende 2002, primeiro na rúa Abeleira Menéndez e, agora, nun dos locais rehabilitados polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) na rúa Santiago, concretamente, no número 15.
Ambos souberon da posibilidade de alugar un baixo comercial do organismo e non o pensaron. Presentaron o seu proxecto que acabou encaixando no local actual e non onde JT Photo Gallery, o establecemento artístico que rexenta Javier Teniente, e polo que tamén puxaron.
“O Casco Vello é o corazón da nosa cidade e, por iso, nos traballamos aquí”, sinala Juan Carlos ao tempo que, como profesional do sector, asegura que a labor rehabilitadora que segue facendo o CCVV na zona antiga está sendo “excelente”.
Este arquitecto lembra que cando o seu estudo aterrou na parte alta do Casco Vello este “era un enfermo na UCI” e que moi poucos pensaban que o barrio tería solución tendo en conta o grado de deterioro e abandono no que se atopaba. Sen embargo e grazas ao traballo do CCVV “hoxe pódese dicir que o noso enfermo xa foi levado a planta e, máis pronto que tarde, será dado de alta”.
A mesma opinión ten Ricardo, quen está convencido de que os clubes de alterne que aínda persisten no Casco Vello Alto acabarán desaparecendo, xa que “estaban aquí porque o barrio era un lugar marxinal, pero agora grazas á falta de privacidade xa non é posible que sigan estes negocios”.
Estes dous socios e amigos dende a xuventude, desenvolveron tamén distintos proxectos no barrio antigo como foi a reforma do mítico bar O Corbatas na rúa Eduardo Chao e traballan na rehabilitación de varias vivendas privadas emprazadas na rúa Poboadores. Outro dos seus proxectos actuais nos que traballan é a ampliación do cemiterio de Zamáns.
Sobre a recuperación prevista da fachada do Berbés incluído no Plan de Actuación 2013-2017 aprobado polo CCVV, tanto Juan Carlos como Ricardo consideran que “xa era hora” de que unha zona tan emblemática cambie a súa imaxe moi degradada na actualidade. Os dous mostráronse convencidos de que as rehabilitacións que impulsará o ente público na zona baixa volverán a provocar un “efecto chamada” coma xa ocorre na alta.
Ao igual que outros adxudicatarios dos locais rehabilitados polo CCVV, Torrado&Fernández Arquitecto pertencen a asociación recentemente creada #CascoVelloAlto que, entre outras peticións, querían que durante a pasada Festa da Reconquista de Vigo os tradicionais postos artesanais puidesen instalarse tamén na zona alta do barrio.