Santi Domínguez afirma que o concurso de tapas é un elemento dinamizador na recuperación do Casco Vello
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, participou hoxe, xunto ao resto dos membros do xurado, na cata das tapas que participan no Concurso de Tapas do Casco Vello. O nacionalista salientou que esta é unha iniciativa que ten unha grande acollida entre a cidadanía e amosa que é posible facer do barrio antigo un espazo de encontro e lecer.
O concurso de tapas prolongouse ao longo do último mes en diversos establecementos do Casco Vello. Santi Domínguez adiantou que o obxectivo é que o vindeiro ano teña unha maior duración para asentalo. “Queremos revitalizar o tapeo no barrio para que sexa un lugar de atracción”, sinalou.
O tenente de alcalde tamén indicou que co proceso de rehabilitación urbana que se está a facer no Casco Vello quérese configurar o barrio como unha zona gastronómica. Santi Domínguez explicou que “o obxectivo é singularizar os espazos por especialidade e seguir traballando para que o Casco Vello reviva”.
Dos 21 establecementos participantes, 10 entraron na fase de competición. Tras a decisión do xurado incorporarase tamén o “voto popular” para seleccionar as tapas que ocuparan os tres primeiros postos do certame. O fallo farase público o vindeiro 13 de outubro.
O xurado está integrado, ademáis do tenente de alcalde, polo presidente e vicepresidente da Asociación Galega de Sumilleres, David Barco e Antonio Portela, respectivamente; o xornalista Fernando Franco; o xerente do Consorcio do Casco Vello, Alfonso Ramos; a téncia do Consorcio do Casco Vello, Nuria Campos, a presidenta da Asociación de Empresarios do Mercado de O Berbés, Teresa Vázquez, e o presidente da Asociación de Empresarios do Mercado do Progreso, Raúl Fontán.