O Casco Vello conta de novo co seu propio zapateiro artesanal

No número 53 da rúa Elduayen ofrece os seus servizos, desde finais do ano pasado, un dos poucos zapateiros artesanais de verdade que aínda existen en Galicia. Falamos de Francesco Carini, un profesional do sector que coida con mimo aos seus clientes e que vela pola saúde dos nosos pés.

Francesco Carini, traballando

Este italiano, afincado en Vigo desde 1974, exerce un dos gremios máis antigos no que a reparación de calzado e elaboración das soletas a medida se refire. Calquera persoa con problemas nos seus pés pode acudir a este zapateiro que ofrece unha atención máis que personalizada. “É moi gratificante para min ver cómo unha persoa ven ao meu establecemento con muletas ou sen poder andar e, pasadas unhas semanas e tras o meu traballo artesanal, comeza a camiñar moito mellor”, sinala Francesco.

A diferenza doutros zapateiros, Francesco leva a cabo traballos de ortopedia do calzado cen por cen artesanais. Segundo o noso protagonista, na actualidade, non coñece a ninguén que se dedique ao seu oficio e, por iso, se sente afortunado.

rincón zapateríahorma

Sobre a súa aposta de abrir o seu negocio no barrio histórico, asegura que está encantado co rexurdir da zona e valora positivamente a xestión que segue a facer o Consorcio Casco Vello de Vigo desde 2005. “Agora as súas rúas mostran unha imaxe distinta e é un pracer poder percorrelas, xa non hai a marxinalidade de hai tan so uns anos”, indica.

Tras décadas traballando noutras zonas da cidade como Travesía de Vigo, Sanjurjo Badía ou María Berdiales, finalmente, Francesco acaba de cumprir un dos seus sonos, aterrar nun Casco Vello en plena recuperación e que “ten moito futuro por diante”.

Pese a que o seu gremio xa non é o que era “eu lembro cando estaba no meu taller da rúa Pino e os vigueses facían cola para ser atendidos”, Francesco móstrase moi orgulloso de seguir a axudar a persoas con calquera doenza nos seus pés e asegura que conta con clientes que viaxan desde Portugal, Ourense ou Lugo para poñerse nas súas mans.

plantillas varias

hormas varias

Francesco leva 50 anos ofrecendo calidade de primeira e garante unha melloría nos pés das persoas no prazo aproximado dun mes, desde que se comeza todo proceso de ortopedia. “Non importa a deformación ou o problema, todo ten solución”, afirma o zapateiro.

O novo Casco Vello de Vigo
 

Facebook

Twitter