Os emprendedores do Casco Vello, parte esencial da revitalización do barrio (parte 1 de 2)

O Consorcio Casco Vello de Vigo foi creado no 2005 cun obxectivo claro: atender as demandas dos veciños do centro histórico, que viñan reclamando un ambicioso programa de rehabilitación e recuperación urbana na área. Esta recuperación entendeuse e executouse nunha dobre vertente: por un lado, os inmobles que traerían a novas familias a vivir ao barrio; polo outro, os locais comerciais nos que se poderían instalar novos emprendedores.

De feito, foron moitos os que decidiron apostar pola dinamización do Casco Vello de Vigo e se trasladaron ou abriron os seus negocios nos locais rehabilitados polo Consorcio para tal fin. Sobre eles poderedes coñecer máis na sección Personaxes deste mesmo blog, na que un a un imos entrevistándoos a todos.

Abeleira Menéndez é unha das rúas que conta con máis actividade empresarial: desde fotografía a un bazar de produtos naturais, todo ten cabida no Casco Vello. Comezamos no número 11, onde Montserrat Freire rexenta A Tenda do Avó desde hai máis de dous anos. Produtos galegos, artesáns e ecolóxicos distinguen esta tenda de tódalas demais. E é que poderás atopar desde marmeladas de mel ata algas, pasando por froitas e verduras, produtos que poderás elixir para incluír nunha cesta de agasallo, outro dos servizos que teñen dispoñibles.

Casco Vello Vigo
A Tenda do Avó

Ao seu carón sitúase outra tenda, A Horta de Abeleira, con alimentos 100% ecolóxicos e frescos. Ofrecen, polo tanto, mercancía natural de primeira calidade, sen aditivos nin conservantes, e moito menos pesticidas. Se queredes probar algúns destes produtos saudables, achegádevos ao 13-15, atenderanvos encantadas.

Casco Vello Vigo
Interior A Horta de Abeleira

Ademais destas dúas tendas, outros profesionais decidiron levar o seu negocio a Abeleira Menéndez. Proba disto é o fotógrafo Javier Teniente, quen montou a súa galería de arte no número 13. E é que, segundo as súas palabras, “a zona con máis encanto da cidade é o noso Casco Vello e, por iso, a miña galería de arte tiña que estar aquí”. Este ano cumpre tamén dous anos como veciño do barrio histórico .

E agora tócanos falar do bazar que revolucionou a restauración local. Matina, situada no número 26, especialízase en produtos naturais e panadería, pero o local en si é tamén unha gran galería de arte. Ademais de deleitarte cos seus almorzos, tamén poderás asistir aos obradoiros, conferencias ou exposicións que organizan e cos que dinamizan aínda máis a rúa en particular e o barrio en xeral.

Casco Vello Vigo
Clientes Matina

Moi preto dela, concretamente no número 24, un aparellador abriu tamén no barrio histórico a súa propia oficina. E relacionado con este servizo, na rúa Ferraría atópase Cal Construcciones y Servicios, empresa de reformas e servizos integrais. Atoparédelos no número 31.

Casco Vello Vigo
Cal Construcciones y Servicios

Un pouco antes, nos números 25, 27 e 29 veredes a Espacio Nido, un espazo de coworking que inaugurou o seu local no Casco Vello o 22 de febreiro deste mesmo ano. O novo baixo comercial ofrece as súas instalacións a emprendedores e a cidadanía en xeral que necesiten un espazo perfecto para eventos culturais, reunións e distintas iniciativas que encaixen na súa filosofía. Na actualidade, na sede de Espacio Nido, traballan programadores informáticos, deseñadores, publicistas, arquitectos ou ilustradores, entre outros profesionais.

Casco Vello Vigo
Espacio Nido (imaxe cedida por Espacio Nido)
This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.