O luns 23 de setembro ábrese o prazo de presentación de solicitudes para optar ás dúas vivendas de Subida ao Castelo 9
Vigo, 20 de setembro do 2024.- O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) publicou hoxe a resolución pola que se pon en marcha o procedemento de selección de candidatos para as dúas vivendas que forman parte da rehabilitación que o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) acometeu na rúa Subida ao Castelo 9.
Unha vez cumpridas as formalidades sinaladas nesta resolución, o prazo para a presentación das solicitudes dos interesados en participar neste proceso abrirase o vindeiro luns, 23 de setembro, estendéndose ata o 11 de outubro. No mesmo poden participar todas aquelas persoas rexistradas con anterioridade a esta convocatoria no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia. Na páxina web do IGVS pódese descargar un modelo normalizado para a presentación das solicitudes. A presentación pode realizarse tanto presencialmente nas delegacións da Xunta de Galicia como, se se conta con certificado dixital, por vía telemática.
Ambas as vivendas teñen a categoría de VPA (Vivenda de Protección Autonómica) e as súas características e prezo poden ser consultadas na seguinte ligazón. SUBIDA AO CASTELO 9