O CCVV remata dez novas vivendas nas rúas Cruz Verde e Abeleira Menéndez 18-20, onde se investiron máis de 2 millóns de euros
Vigo, 24 de novembro de 2010.- A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, visitou hoxe dous dos quince inmobles completamente rehabilitados polo organismo que están ubicados nas rúas Cruz Verde, 5, e Abeleira Menéndez 18-20, onde se investiron máis de 2 millóns de euros na súa rehabilitación. Estes inmobles dan lugar a 10 novas vivendas e 3 locais comerciais. Lucía Molares, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, e os técnicos e responsables das empresas encargadas das obras, comprobou in situ a calidade das vivendas logo de realizarse a recepción oficial de ambos inmobles. A presidenta detallou que as 10 novas vivendas son de un e dous dormitorios e contan con superficies que van dende os 40 metros cadrados aos 80 metros cadrados con “as mellores calidades, solos de roble e ventanais de primeira categoría”, indicou. Precisamente, Molares aproveitou a visita aos inmobles para anunciar que o vindeiro 30 de novembo “pecharase o período” para que as persoas que estean inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia “poidan acceder ás primeiras vivendas que se van poñer á venda”, e que sairán ao mercado nunha media de entre 70.000 e 90.000 euros. A presidenta do CCVV -participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- destacou a importancia da chegada de novas familias ao barrio histórico para conseguir a revitalización total do Casco Vello. Ademais, aproveitou para animar aos interesados que queiran asentarse e adquirir un piso en réxime concertado no barrio histórico a “anotarse durante esta semana e os primeiros días da vindeira” no Rexistro de Demandantes co fin de facer o primeiro sorteo de adxudicación das vivendas coas persoas que estean inscritas ata o 30 de novembro. Aínda así, xa avanzou que “seguiremos poñendo vivendas no mercado” despois de dita data. Con todo, a delegada da Xunta esperou que “nos vindeiros meses xa poidan estar familias no barrio” ademais de sinalar que “seguimos traballando en novas iniciativas para recuperar o barrio histórico”. Precisamente, explicou que nos vindeiros meses e ao longo do ano 2011, o CCVV contará cun total de 100 vivendas. “Agora comezan a verse os frutos deste traballo e a xente comezará a habitar estas vivendas”, engadiu. Un total de 52 vivendas completamente rehabilitadas a día de hoxeCon estas actuacións, a día de hoxe o CCVV xa ten completamente rematada a rehabilitación de 15 inmobles, que dan lugar a 52 vivendas e 14 locais comerciais. O organismo conta na actualidade cun total de 36 inmobles, nos que se ofrecerán preto de 100 vivendas e 27 locais comerciais que encherán de vida á zona histórica da cidade nos vindeiros meses e durante todo o ano 2011. O CCVV ten rematadas xa unha vivenda na rúa Abeleira Menéndez, 11; 6 vivendas en Abeleira Menéndez 24-26; 3 vivendas en Real, 16; 6 vivendas en Abeleira Menéndez 13-15; 8 vivendas en Santiago 11-13-15-17; e unha vivenda en Santiago, 19. Noutras 3 vivendas rehabilitadas (Real, 25) viven xa tres familias realoxadas, ademais de contar con 14 vivendas máis, que se destinarán a aluguer. O ente presidido por Lucía Molares lidera a recuperación do Casco Vello con distintas intervencións previstas sobre todo na zona alta do barrio histórico