O CCVV licita tres novos proxectos por máis de 2 millóns de euros no entorno do Castelo de San Sebastián
- A actuación pasa pola rehabilitación de nove edificios ubicados nas rúas Ferrería, San Sebastián e Hortas, dos que sairán un total de 15 vivendas máis
- As obras, que contan cun prazo de execución de 12 meses, adxudicaranse no verán
- Nos primeiros meses deste ano 2011, o CCVV xa licitou obras por un total de 3,2 millóns de euros para actuar en 16 edificios que darán lugar a 24 vivendas e 6 locais comerciais
Vigo, 07 de marzo de 2011.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) ven de licitar tres novos proxectos no entorno do Castelo de San Sebastián, na parte alta do barrio histórico, por un valor superior aos 2 millóns de euros. Esta actuación suporá a rehabilitación integral de nove edificios ubicados nas rúas Ferrería, San Sebastián e Hortas, dos que sairán un total de 15 novas vivendas –catro de un dormitorio, dez de dous dormitorios e unha de 3 dormitorios- ademais de 5 locais comerciais.
A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello, Lucía Molares, acompañada do xerente do organismo, Alfonso Ramos, informou esta mañá de que as obras de rehabilitación previstas serán nos números 8, 12 e 14 de San Sebastián; 10 e 12 de Hortas; e 25, 27, 29 e 31 de Ferrería. Contan cun prazo de execución de entre 18 e 12 meses e está previsto que se adxudiquen nos meses de verán. Tras a rehabilitación integral destes nove edificios sairán un total de 15 vivendas e 5 locais comerciais.
En concreto, na obra proxectada para a rúa San Sebastián 8, 12 e 14 sairán 4 vivendas de un e dous dormitorios e 1 local comercial. A actuación céntrase na unión de tres construcións do século XVIII, adosados a ambos lados a edificios respetando ao máximo a tipoloxía edificatoria e as fachadas de pedra. Levantaránse tres andares, con dúas vivendas por andar e escaleira común, comunicando as parcelas mediante ocos nas medianeiras. A estrutura interior será de madeira, con apoio nos muros de carga existentes.
Mentras, a actuación en Hortas 10, 12, dará lugar a 5 vivendas –tres de dous dormitorios e dous de unha habitación-. A obra afectará a dúas parcelas con tres vivendas iniciais que están situadas nun cuarteirón con tratamento conxunto do espazo de uso privativo interior das vivendas sobre as que se actúa.
No caso da rehabilitación de Ferraría 25, 27, 29 e 31, sairán 6 vivendas e 4 locais –cinco de dúas habitacións e unha de tres habitacións-. A intervención afecta a catro edificios mantendo a estructura parcelaria con acceso a locais por rúa Ferraría e ás vivendas por Subida ao Castelo.
Coma explicou Molares, o Comité Executivo do CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo- tamén aprobou a urbanización interior do cuarteirón Castelo de San Sebastián.
Pulo á zona alta do barrio histórico
A presidenta do CCVV destacou o importante pulo que se está a dar á parte alta da zona antiga da cidade e, así, recordou que coa obra xa iniciada hai unhas semanas no cuarteirón Ferraría-San Sebastián por valor de 1,2 millóns de euros, no que se actúa en 7 inmobles que dan lugar a 9 vivendas e un local comercial, nestes dous primeiros meses do ano 2011, se están a executar obras por un valor superior aos 3,2 millóns de euros.
Con estes tres novos proxectos licitados a pasada semana, o CCVV actúa nun total de 16 edificios que dan lugar a 24 vivendas e 6 locais comerciais no que levamos de ano.
Por último, Molares lembrou o proceso de venta e aluguer das vivendas xa rematadas e, así, no caso das 19 VPA sinalou que nestes días se comunicará de forma oficial o resultado do sorteo público ante notario celebrado o pasado xoves 3 de marzo aos 19 adxudicatarios ademais de explicar que as persoas interesadas en participar na liña de aluguer ainda están a tempo de inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.
En total, e dende a súa creación, o CCVV é propietario de 36 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Trátase así de 52 vivendas completamente disponibles, das cales 35 sairán á venda, 11 en réxime de aluguer e 6 destinadas a realoxos. A previsión é que ao longo deste ano 2011 estean totalmente rematadas preto dun centenar de vivendas.