O CCVV adxudica 2 novas obras por 1 millón de euros para recuperar 5 inmobles nas rúas San Sebastián e Ferrería que darán lugar a 8 novas vivendas e 4 locais comerciais

  • A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, xunto á directora xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), María Teresa Gutiérrez, presentaron hoxe os dous proxectos de rehabilitación para a zona alta do Casco Vello.

  • As obras en San Sebastián 24-26 e Ferrería 3-5-7 contan cun prazo de execución de 12 meses e darán comezo a principios do vindeiro ano.

  • As vivendas serán de 1 e 3 dormitorios cunhas superficies útiles que oscilan entre 53,84 m2 e 97,59 m2 mentres que os locais comerciais terán entre 17,87 e 61,96 metros cadrados.

  • Esta mañá celebrouse o comité executivo do CCVV no que se deu o visto bo a adxudicación da contratación de ambas obras.

Vigo, 5 de decembro de 2013.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, xunto á directora xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), María Teresa Gutiérrez, presentaron esta mañá dous novos proxectos de rehabilitación que se levarán a cabo na zona alta do Casco Vello, concretamente para os números 24 e 26 da rúa San Sebastián e os números 3, 5 e 7 da rúa Ferrería.

Coma informaron en rolda de prensa, o comité executivo do CCVV que se celebrou esta mañá deu luz verde á adxudicación por case 1 millón de euros para a contratación destas dúas novas obras de rehabilitación que, segundo as previsións estimadas, darán comezo a principios do vindeiro ano. Ambas obras teñen un prazo de execución de 12 meses.

Trátase así da recuperación de 5 inmobles que van dar lugar a 8 novas vivendas e 4 locais comerciais que contarán con 1 e 3 dormitorios e unhas superficies útiles que oscilarán entre 53,84 metros cadrados e 97,59 m2. No caso dos locais comerciais, as superficies útiles estarán entre 17,87 m2 e 61,96 m2.

Concretamente, a actuación en San Sebastián 24-26, do estudo Rogelio Pérez y Cominges, arquitectos S.L., foi adxudicada cun orzamento de case 500.000 euros (454.940,39 euros) á UTE Prace Servicios e Obras S.L. e Antalsis S.L.. As obras contan cun prazo de execución de 12 meses e como resultado teremos 4 novas vivendas e 1 local comercial.

Pola súa banda, a obra para Ferrería 3-5-7, do arquitecto José Luis Díaz Mateo, foi adxudicada cun orzamento superior aos 500.000 euros (514.329,13 euros) á UTE Xestión Ambiental de Contratas (XAC), S.L. e Orega, S.L.. Tamén conta cun prazo de execución de 12 meses e, coma resultado, contaremos con outras 4 vivendas (3 de 1 dormitorio e 1 de 3) e 3 locais comerciais.

Actualidade do Consorcio Casco Vello de Vigo Ata o de agora, o CCVV adquiriu 64 inmobles, dos cales 36 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 21 locais comerciais e 81 vivendas -64 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos-. Na actualidade hai 4 inmobles cuxas rehabilitacións están en execución, para dar lugar a 10 vivendas e 2 locais comerciais.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.