O BOP publica as bases do concurso para alugar os primeiros 11 locais comerciais rehabilitados polo CCVV
- A partir de hoxe os interesados teñen un prazo de 30 días hábiles para entregar a súa proposta de negocio e a documentación necesaria na oficina do CCVV, situada na Praza de Princesa, número 7, co que o prazo de presentación de solicitudes remata o día 2 de agosto.
- Os locais comerciais adxudicaranse mediante un concurso no que o criterio de selección será por puntuación, valorando 3 aspectos: 1) os plans de empresa; 2) o perfil dos e das solicitantes outorgando maior puntuación ás persoas que estean desempregadas ou aos que creen maior número de empregos, e prevalencendo –en caso de empate- os proxectos liderados por mulleres e, por último, 3) a proposta económica.
- Reactivaranse o comercio en 4 rúas e dos 11 locais, 5 están situados nos baixos dos números 11, 18-20 e 20-24 da rúa Abeleira Menéndez; outros 2 están na rúa Cruz Verde, 5; 2 máis en Santiago 11-13-15-17; outro na rúa Santiago, 19; e o último na rúa Real, 25.
Vigo, 27 de xuño.- O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases do concurso para poder alugar os primeiros 11 locais comerciais rehabilitados polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), iniciativa que permitirá dinamizar a economía do barrio histórico con novos proxectos emprendedores en catro rúas principais do barrio histórico. A partir de hoxe os interesados terán 30 días hábiles para entregar a súa proposta de negocio e a documentación necesaria na oficina do organismo, situado na Praza da Princesa, número 7. O prazo de solicitudes remata o día 2 de agosto. O anuncio pode verse na páxina do CCVV www.consorciocascovellovigo.org
O CCVV –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo- porá no mercado ditos locais comerciais en réxime de aluguer. Poderán participar no concurso as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras que posúan plena capacidade de obrar.
A adxudicación farase segundo os criterios de selección por puntuación valorando 3 aspectos. Así teranse en conta: 1) o plan de empresa e viabilidade do negocio, é dicir, conseguirán unha maior puntuación os proxectos de empresa que supoñan un maior investimento así coma a experiencia que teñan no sector no que se vai a desenvolver a actividade de negocio. 2) o perfil das e dos solicitantes. Terán máis puntos os que conten cun maior número de socios e socias, os que creen un maior número de empregos, as persoas que sexan vítimas de violencia de xénero e as que estean en situación de desemprego. E 3), valorarase especialmente a proposta económica. É dicir, por cada 100 euros de incremento de renda tipo fixada para o local, lograrase maior puntuación.
No caso de que se produza un empate na puntuación total obtida, discriminarase positivamente e prevalecerán aqueles proxectos que estean liderados por mulleres. Con todo, os 11 locais dispoñibles adxudicaranse por concorrencia competitiva entre as solicitudes presentadas.
Opción de compra. Os contratos de alugueiro terán unha duración máxima de 5 anos, aínda que os futuros adxudicatarios contarán cunha opción de compra transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade. Ademais, e atendendo aos fins que persegue o programa de alugueiro de locais, a renda dos mesmos terá unha bonificación do 50% do seu importe durante os dous primeiros anos de arrendamento, co fin de dar maiores oportunidades de negocio aos novos emprendedores na actual situación de crise co obxectivo último de participar no fomento do emprego e a recuperación económica.
Coa instalación de novos comercios reactivase e dinamizará a economía en 4 rúas estratéxicas do Casco Vello como son Abeleira Menéndez, Cruz Verde, Santiago e Real.
Dos 11 locais comerciais que sairán en réxime de aluguer, 5 están situados nos números 11, 18-20 e 20-24 da rúa Abeleira Menéndez; outros 2 están na rúa Cruz Verde, 5; outros 2 máis en Santiago 11-13-15-17; outro na rúa Santiago, 19 e o último na rúa Real, 25.
As súas superficies oscilan entre os 29,40 m2 e os 77,33 m2 e os prezos van dende os 120 euros e os 317 euros mensuais (sen IVE) durante os dous primeiros anos de arrendamento, mentres que, no caso de facer efectiva a opción de compra pasado un ano da posta en marcha da actividade, os prezos de compravenda irán dende os 36.300 aos 126.500 euros.
Figura do CCVV. O CCVV ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables.
Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.