Lucía Molares anima aos vigueses e viguesas a vivir o Casco Vello coa programación musical que este verán terá lugar nas rúas do barrio histórico

  • Os 30 principais grupos de baile, gaitas e música tradicional da cidade actuarán durante todos os fins de semana de xuño, xullo, agosto e setembro nas rúas do Casco Vello.
  • A delegada da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) participou esta mañá na presentación de “Sábados de Folclore no Casco Vello”, organizado pola Asociación de Comerciantes VigoVello e a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais.
  • Hoxe remata o prazo para a presentación de solicitudes das persoas interesadas en optar a unha das novas 15 vivendas de protección autonómica (VPA) que saca o CCVV ao mercado.

Vigo, 16 de xuño de 2011.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, participou esta mañá na presentación da programación de actuacións musicais que durante este verán percorrerán as rúas do barrio histórico mesturando a música folk co baile moderno ou as actuacións de grupos de gaitas.

Baixo o título de “Sábados de Folclore no Casco Vello”, a iniciativa cultural está organizada pola Asociación de Comerciantes VigoVello e a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, e conta co patrocinio da Xunta de Galicia. O seu obxectivo: dinamizar e animar as rúas do Casco Vello con festivais musicais durante 12 fins de semana dos meses de verán.

O festival reunirá aos 30 principais grupos de baile, gaitas e música tradicional da cidade e, así, grupos coma Corisco, A Buxaina, Os Ventos, Lembranzas Galegas, Os Trasnos, Asubío ou Andarela formarán parte desta programación musical que durante os sábados dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro actuarán nas rúas do Casco Vello. Sen ir máis lonxe, as actuacións comezarán este vindeiro sábado día 18 ás 20.00 horas cunha Mostra de Danza na que actuarán os grupos de baile moderno das Asociacións de Cabral, Valadares, Helios e Matamá.

A presidenta do Consorcio, acompañada dos responsables de VigoVello, Anxo Méndez e Milagros Domínguez, así coma do presidente da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, Roberto Giráldez, presentou a iniciativa esta mañá na sede que a Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC) ten na zona vella, e felicitou aos organizadores do evento por levar a cabo este tipo de iniciativas “no corazón da cidade” para conseguir o obxectivo de “dinamizar” e “animar” a zona histórica, o que, segundo apuntou, supón “un punto máis” para revitalizar o casco histórico.

”Neste traballo de recuperación debemos estar todos xuntos”, dixo a presidenta do Consorcio, quen agradeceu á APEC que cedera a súa sala de usos –que nestes momentos conta cunha exposición técnica do traballo feito polo CCVV- para a celebración da presentación desta iniciativa cultural. “Este é o exemplo de rehabilitación”, engadiu Molares, volvendo a amosar “a aposta clara e decidida” pola recuperación integral do barrio a través do CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia en un 10% polo Concello de Vigo-. Neste senso, reiterou o traballo feito ata o de agora por levar vida á zona histórica coa incorporación de novas familias, ou a instalación de servizos administrativos coma é o caso de APEC, o futuro Rexistro Civil ou a sede do Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España, que se fixo efectivo no día de onte coa sinatura do convenio de compravenda e das mesmas escrituras ante notario.

Último día para optar ás novas 15 VPA. A delegada da Xunta lembrou tamén que hoxe, día 16 de xuño, se pecha o prazo para a presentación de solicitudes das persoas interesadas en optar a unha das novas 15 vivendas de protección autonómica (VPA) que o Consorcio saca ao mercado en réxime de compravenda a prezo concertado. Molares recordou que o período comezou o pasado día 30 de maio e que, tras pasar os 15 días de prazo para a presentación de solicitudes, hoxe é o último día para poder optar ao sorteo destas novas vivendas. Concretamente, pódense presentar as solicitudes no Rexistro ata as 19.00 horas.

Coma explicou, os interesados en optar a estas vivendas deben estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, no apartado de Vivenda de Protección Autonómica na casilla de réxime concertado e, neste período que hoxe remata, debían inscribirse no sorteo destas 3 novas promocións, relativas a: Abeleira Menéndez 24-26; Abeleira Menéndez 18-20; e Cruz Verde, 5.

A partires de agora, nun prazo doutros 15 días hábiles se procederá a publicación da lista provisional de admitidos, e posteriormente concederase un prazo de sete días hábiles para a presentación das reclamacións; unha vez resoltas, no prazo máximo de 10 días, aprobaranse as listas definitivas, que serán debidamente publicadas. Tras isto, realizarase o sorteo entre todos aqueles que figuran na lista definitiva e, unha vez confeccionada a lista, procederase á publicación da relación de adxudicatarios e dos que quedan en reserva.

As 15 novas VPA están situadas nas rúas Abeleira Menéndez 24-26 (5 vivendas), Abeleira Menéndez 18-20 (4 vivendas) e Cruz Verde, 5 (6 vivendas). Seis destas vivendas teñen un dormitorio e nove delas contan con dous dormitorios cunhas superficies que oscilan entre os 40,19 e os 83 m2. Os prezos das vivendas oscilarán entre os 71.000 e os 147.000 euros.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.