Creatividade nos locais rehabilitados polo Consorcio

No labor rehabilitador do Consorcio no Casco Vello de Vigo son parte fundamental os comerciantes que deciden abrir ou mudar os seus negocios ao barrio histórico da cidade. Para iso, ademais de vivendas tamén se rehabilitan e condicionan locais comerciais.

Tras falarvos dos servizos que podedes atopar nalgúns destes locais, tócalle agora a quenda á creatividade. JT Photo Gallery, Oruga Express, Ideas de Percebe, Editorial Elvira e a Galería de Arte Conde Sueiro serán os protagonistas deste post.

JT Photo Gallery

Javier Teniente leva máis de tres anos rexentando a súa galería fotográfica na rúa Abeleira Menéndez, concretamente no número 13. Ademais de expoñer a súa obra, nesta galería tamén mostran habitualmente os seus traballos outros artistas.

Conta cun estupendo patio interior ao aire libre ideal para tomar un café mentras se contemplan as obras expostas. Se aínda non lle fixestes unha visita, non o dubidedes e ide canto antes. Non vos arrepentiredes.

Oruga Express

Outro fotógrafo tamén elixiu o Casco Vello para instalar o seu estudo: Perfecto Rueda rexenta Oruga Express no número 19 da rúa Santiago. Perfecto Rueda foi un dos primeiros emprendedores que non tiveron dúbidas en montar o seu negocio no barrio histórico cando o Consorcio Casco Vello de Vigo comezou a oferta dos seus locais comerciais en réxime de aluguer, alá por 2011.

Animádevos a pasarvos polo estudo e a descubrir os traballos deste profesional. Se necesitades unha reportaxe de calidade a bo prezo, será una boísima opción.Casco Vello Vigo

Ideas de Percebe

A axencia de publicidade Ideas de Percebe opera no numero 8 da rúa San Sebastián desde xuño do 2014. Os seus artífices viñeron ao barrio para enchelo de creatividade e todo apunta a que o están a conseguir. Non hai máis que achegarse ao establecemento para ver todas as pezas de arte que o decoran.Casco Vello Vigo

Editorial Elvira

Javier Romero apostou polo Casco Vello instalando a súa Editorial Elvira na rúa que o viu nacer e crecer: a rúa Santiago. No número 15 aséntase esta editorial independente dedicada á poesía, ao libro de artista e á literatura, en xeral.

Se estades a procurar un lugar de reunión cultural, a Editorial Elvira é o voso sitio.Casco Vello Vigo

Galería de Arte Conde Sueiro

A galería de Arte Conde Sueiro é un dos últimos negocios abertos nos locais rehabilitados polo Consorcio. Esta galería abriu as súas portas no número 5 da rúa Cruz Verde e nela pódese visitar a exposición permanente de escultura e pintura de Ch Sueiro, Óscar M. Conde e collages de Mónica Sueiro.

Ademais de estar aberta ao público, tamén dan clases de debuxo e pintura a grupos reducidos. Pinta ben, verdade?Casco Vello Vigo

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.