Consorcio Casco Vello de Vigo: nove anos cun único fin (parte I de II)

Corría o ano 2005 cando co compromiso das administracións local e autonómica, e coa colaboración do Consorcio da Zona Franca, nacía o Consorcio Casco Vello de Vigo. E nacía co principal fin de atender as demandas dos veciños dun barrio histórico que clamaba por un programa de recuperación. No 2007, a Consellaría de Vivenda e Solo adquiriu a participación da Zona Franca e na actualidade o CCVV está participado pola Xunta de Galicia (90%) e polo Concello de Vigo (10%).

Para a consecución desde fin, o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) encárgase especialmente da zona alta do casco vello, promovendo e executando proxectos arquitectónicos modernos pero coherentes coa fisionomía do barrio. Para o Consorcio é básica a revitalización do centro histórico a todos os niveis. Por iso promove que tamén na zona se establezan organismos que dinamicen a vida cotiá. Exemplo dese interese foi o convenio de colaboración co Colexio de Rexistradores para que se localicen en catro inmobles do Casco Vello os novos rexistros da propiedade de Vigo.

Casco Vello Vigo

Pero, que pasos se deben dar para cumprir ese fin principal polo que se creou o CCVV? O primeiro de todos é a adquisición das propiedades a rehabilitar. Para iso, é necesario contactar cos propietarios, o que supón en moitos casos realizar unha labor de investigación para dar con eles (en algunhas ocasións non viven en España). A iso hai que sumar á dificultade de compra xa que os títulos de propiedade e inscricións rexistrais son ás veces incompletos.

Unha vez localizados ou ben por iniciativa propia, son os propietarios os que fan unha oferta de venda e, se o inmoble encaixa cos obxectivos do Consorcio, trátase de chegar a un acordo para poder levar a cabo a adquisición a través do seu correspondente contrato de compravenda.

Chegados a este punto, comeza o propio proceso de rehabilitación dos inmobles, as obras que conseguirán outorgar ao Casco Vello a imaxe que merece. Como xa vos dixemos algunha vez, tense moi en conta o mantemento dos elementos orixinais do inmoble en cuestión (fachadas de pedra, lareiras…), pero mesturándoo con técnicas de construción actuais .Todo isto marcado polas determinacións e criterios establecidos nas ordenanzas urbanísticas de aplicación contidas no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Vello.

Casco Vello Vigo

Nalgunhas ocasións procédese á rehabilitación conxunta de varios inmobles, para garantir as condicións de habitabilidade e accesibilidade requiridas nas vivendas de hoxe en día e para que os inmobles resultantes cumpran as esixencias das normativas vixentes.

Para a consecución dos permisos para levar a cabo as obras, débense redactar os proxectos pertinentes (que deben axustarse ao PEPRI). Ás veces, o mal estado das propiedades imposibilita o acceso ao anterior dos inmobles para facer a toma de datos para a redacción dos proxectos de rehabilitación. Nestes casos, e tratándose de inmobles con protección solo ambiental, acométese en diferentes fases as demolicións parciais ou baleirados interiores e a rehabilitación. Ao mesmo tempo tramítanse tamén as autorizacións e intervencións arqueolóxicas.

Neste proceso de redacción dos proxectos, mantéñense reunións cos técnicos do Concello de Vigo e da administración autonómica para facilitar o cumprimento dos requisitos en materia de urbanismo e de vivenda de protección autonómica. Unha vez obtidos todos os permisos, iníciase o proceso de licitación das obras dacordo coas normas reguladoras de contratación do sector público.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter