A Xunta axiliza a construción do Rexistro Civil no barrio antigo de Vigo
- O Consello de Goberno da Xunta autorizou a modificación dun artigo dos estatutos do Consorcio Casco Vello, aprobada en outubro polo consello de administración
- O cambio posibilita a construción do Rexistro Civil en terreos da zona vella da cidade de Vigo, nun soar e un local valorado en 580.000 euros
- O traslado do Rexistro Civil á zona vella é unha aposta decidida pola revitalización integral do núcleo histórico e por dotar de novos servizos a cidade
- A día de hoxe, o consorcio é propietario de 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados
Santiago, 2 de decembro de 2011.- O Consello da Xunta de Galicia autorizou na súa reunión de hoxe a sinatura do convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello de Vigo, mediante o que se modifica o artigo 4.3 dos estatutos do Consorcio do Casco Vello de Vigo. Este acordo, que fora aprobado polo consello de administración da entidade a mediados de outubro, posibilitará o traslado do Rexistro Civil ao barrio antigo de Vigo, nun soar e un local propiedade do Consorcio.
Co visto e prace dado hoxe no Consello da Xunta avanzarase na tramitación e axilizarase o traslado á zona vella desta dotación. Este feito constitúe unha aposta decidida pola revitalización integral do núcleo histórico e por dotar de novos servizos a cidade. En total, a Administración autonómica investirá arredor de 1,5 millóns de euros na adquisición dun terreo dotacional e na edificación do futuro Rexistro Civil. A compra por parte da Xunta dun soar e dun local comercial –propiedade do organismo- está valorado en 580.000 euros, mentres que a construción do novo edificio suporá un custo máximo estimado de 900.000.
Co cambio na redacción do documento, necesario técnica e xuridicamente para poder realizar a compra directa da Xunta ao Consorcio, o artigo 4.3 queda así: “O Consorcio Casco Vello de Vigo, como ente local de dereito público dotado de patrimonio propio ten plena capacidade de obrar, polo que poderá dispoñer e allear o seu patrimonio con suxeición á lexislación que lle sexa aplicable. En todo caso, poderá allear os bens, co acordo do Consello de Administración, por unanimidade dos seus membros, directamente a unha Administración pública.”
Mellora do servizo A Xunta acordou no Consello da Xunta do 20 de abril de 2011 trasladar o Rexistro Civil de Vigo á zona vella da cidade ante a falta de espazo das súas actuais dependencias e co claro obxectivo de mellorar a prestación deste servizo a todos os vigueses. Deste xeito, o Consello da Xunta deu luz verde a un convenio de colaboración entre Xunta e o Consorcio para a adquisición dos inmobles e posterior construción da edificación necesaria para a instalación do Rexistro Civil de Vigo na zona antiga da cidade. O Consorcio Casco Vello de Vigo está participado nun 90% polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e nun 10% polo Concello de Vigo.
A operación que se levará a cabo prevé a adquisición por parte do Goberno galego dunha parcela dotacional -propiedade do Consorcio- situada no número 13 da rúa San Sebastián, que conta cunha superficie total de 318 metros cadrados, ademais dun local situado no número 24 da rúa Abeleira Menéndez, de 67 metros cadrados, cuxo inmoble foi rehabilitado polo Consorcio.
A iniciativa supón así levantar unha nova edificación que se construirá nunha superficie de 206 metros cadrados; a idea inicial é que o futuro Rexistro Civil albergue semisoto, baixo e planta primeira co obxectivo de intercomunicar ambas as rúas da parte alta do barrio histórico da cidade.
Continuidade do Consorcio Casco Vello de Vigo O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) remata a súa vixencia o 31 de decembro deste ano. O Goberno galego quere manter a súa implicación na actual política de recuperación e rehabilitación do núcleo histórico de Vigo e ese é o motivo polo que onte se levou ao Consello de Administración do organismo unha proposta de modificación de estatutos para continuar coa vixencia do CCVV durante 6 meses máis.
O convenio rubricado no ano 2005 debe ser renovado co fin de adaptar os seus Estatutos á actual realidade do Consorcio no que a participación das administracións consorciadas se refire. Hai que lembrar que o organismo naceu co 50% de participación da Zona Franca; o 40% da Xunta e o 10% restante do Concello. No ano 2007 a Xunta adquiriu a participación de Zona Franca, polo que na actualidade o 90% está en mans da Comunidade Autónoma. Precisamente, onte deuse vía libre a unha prórroga de seis meses na súa vixencia para seguir negociando a actualización do convenio.
Balance do CCVV Hoxe en día, o CCVV é propietario de 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Esta situación deu lugar a 52 vivendas e 13 locais comerciais completamente recuperados. Así, 35 vivendas sorteáronse como VPA en réxime de compravenda a prezo concertado, 12 foron asignadas en réxime de aluguer e 5 destináronse a realoxo. Todas elas están situadas en: Abeleira Menéndez, 11; Abeleira Menéndez 13-15; Abeleira Menéndez 18-20; Abeleira Menéndez 24-26; Santiago, 19; Santiago 11-13-15-17; Cruz Verde, 5; Real, 16; Ferrería-Subida ao Castelo e Real, 25.
Concretamente, nestes momentos xa son 20 as novas familias que residen na zona vella tras as distintas adxudicacións levadas a cabo polo IGVS e, nos vindeiros meses, seguirán sumándose novas familias que están pendentes de formalizar a sinatura das súas escrituras e hipotecas. No que respecta aos 13 locais comerciais, un deles xa está ocupado pola sede de APEC, mentres que o resto se sacaron a concurso público para adxudicarse en aluguer a novos emprendedores que, nos vindeiros meses, abrirán os seus negocios nas rúas do núcleo histórico. Mozos cunha media de 35 anos e con novos proxectos empresariais relacionados coa fotografía, deseño gráfico, hostalería, artesanía ou avogacía, entre outros, instalaranse no Casco Vello.
Ademais, na actualidade o CCVV xa ten en marcha a recuperación doutros 20 inmobles en ruínas no contorno do Castelo de San Sebastián -na parte alta do barrio antigo- que posibilitará a creación doutras 34 novas vivendas e 9 locais comerciais. As obras son as relativas ás promocións das rúas Ferrería 25-27-29-31; ao cuarteirón Castelo-San Sebastián (Hortas 10-12, San Sebastián 8-12-14 e Subida ao Castelo 5-7 e San Sebastián 4-6) e ao cuarteirón Ferrería-San Sebastián (que corresponde aos números 11,13,17,19 da rúa Ferrería e 3,5,7 de San Sebastián). Estas actuacións de recuperación de inmobles supoñen un investimento superior aos 3 millóns de euros e a previsión é que os traballos de rehabilitación estean rematados ao longo do vindeiro ano 2012. Pero a recuperación da parte alta do Casco Vello non quedará aí e nos vindeiros meses haberá avances en novos proxectos de recuperación do barrio antigo.
Por último, o CCVV tamén formalizou neste ano 2011 o convenio de colaboración co Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España para que a sede e oficinas dos rexistros da propiedade da cidade se instalen no barrio antigo durante polo menos dez anos. A futura sede trasladarase a catro inmobles propiedade do CCVV situados nos números 29, 31 e 33 da rúa Real, e no número 26 da rúa Alta, o que suporá un paso importante no que a dinamización e revitalización integral do barrio histórico se refire. A venda dos catro inmobles reportará un total de case 3,4 millóns de euros que o CCVV destinará a novas adquisicións para seguir co traballo de recuperación.